O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou hoxe de “lamentable” que Feijoo só decidise regresar das súas vacacións para facer de “teloneiro” de Pablo Casado no acto de apertura do curso político do Partido Popular despois de terse negado a comparecer no Parlamento polos problemas dos galegos e galegas.
Nun verán no que afloraron serios problemas en Galicia aos que á Xunta foi incapaz de dar resposta, “o presidente da Xunta estivo ausente e evadido por completo das súas responsabilidades”, afirma o líder socialista.
Así, Gonzalo Caballero lamenta que “o mesmo Feijoo que se nega a comparecer no Parlamento para dar explicacións aos galegos e ás galegas, hoxe decide reaparecer correndo ante a chamada de Pablo Casado”. Esta circunstancia amosa claramente que “Feijoo e Casado son as dúas caras dunha mesma moeda: o mesmo Partido Popular irresponsable e retrógrado”.
Gonzalo Caballero lembra as acuciantes eivas que está a padecer a sanidade pública -con listas de agarda inasumibles en Atención Primaria ou o peche de 600 camas en plena pandemia- ou a nefasta xestión da desescalada e da hostalería durante este verán, tal e como puxo en evidencia o propio Tribunal Superior de Xustiza de Galicia co seu auto demoledor sobre o certificado covid para a hostalaría.
Tamén recorda que o Consello de Contas vén de presentar un informe que conclúe que Galicia mantén un investimento en sanidade “moi por debaixo doutras comunidades autónomas semellantes” e que o conselleiro de Sanidade recoñeceu a situación “preocupante” da atención primaria.
A maiores de non fortalecer os servizos públicos, o goberno galego tamén se está amosando totalmente ineficaz á hora de impulsar a reactivación económica e social. “É o gran obxectivo”, di o líder socialista, “que debería marcar a liñas prioritarias de actuación das administracións públicas ao tempo que avanza o proceso de vacinación”.
Porén, recalca Gonzalo Caballero, “a Xunta ofrece un balance desolador” porque “non ten estratexia de país para liderar a reactivación”, mentres “carece de orientación para a priorización e potenciación dos proxectos europeos”.
Caballero sinalou que, tal e como amosa o último informe do Consello de Contas de fiscalización de fondos europeos, “o goberno galego deixou sen executar catro de cada dez euros de fondos europeos que chegan a Galicia”.