O líder socialista sinala a súa lealdade coa dirección federal e aclara que a convocatoria do Congreso Nacional do PSdeG corresponde ao Comité Nacional Galego
Caballero lembra como apoiou a Sánchez cando “as baronías” tentáronno retirar da secretaría xeral e sinala que a militancia tampouco agora quere “zancadillas” nin “regateos”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lembrou hoxe que “o Partido Socialista é un partido da militancia” e que “o PSdeG ten que decidir o seu futuro da man dunha militancia que quere progreso, traballo e que Galicia vaia mellor”.
Tras proclamar que “a min gústame a militancia”, Caballero incidíu en que “aos e ás militantes non lles gustan as zancadillas nin os regateos: non lles gustaron cando se fixo que Touriño deixase a dirección do partido ou cando algunhas baronías lle botaron un pulso a Pedro Sánchez para sacalo da secretaría xeral”.
Neste contexto, o líder socialista agradeceulle o apoio e o impulso que lle están “trasladando día a día tantos militantes e votantes do PSdeG porque saben que estamos facendo o mellor para os galegos e galegas”. Así, salientou que “eu non son marioneta de ninguén, a min elixíronme os militantes do PSdeG e o meu traballo é por Galicia, para Galicia e en Galicia”.
Convencido de que o PSdeG “é un instrumento útil para facer unha Galicia mellor”, Gonzalo Caballero indicou que “vou seguir traballando a carón da militancia para construir a Galicia que quero para os meus fillos e os fillos e fillas de todos nós”. Nesta liña, afondou en que “quero facer a mellor reactivación económica, social e cultural de Galicia e quero construir o mellor PSdeG que sexa útil aos galegos”.
“O meu compromiso”, proclamou, “é Galicia, a miña paixón e Galicia, adico o meu esforzo e as miñas capacidades a traballar polos galegos e galegas”. “É o meu deber nun momento de tantas dificultades para o noso país”, afirmou.
CONGRESO GALEGO
Neste obxectivo, o secretario xeral do PSdeG indicou que lle corresponderá ao Comité Nacional Galego convocar o Congreso Nacional Galego co respectivo calendario para a celebración das primarias, “dende logo con total lealdade á dirección federal pero dentro das competencias do PSdeG”.
Neste sentido, recordou que “eu apoiei a Pedro Sánchez con intensidade para que seguira sendo secretario xeral do partido cando outros o quixeron retirar da secretaría xeral, a miña lealdade á dirección federal está garantida”.
Á súa vez, salientou que “eu teño a miña principal lealdade a Galicia cos militantes e cos órganos do partido, aos que lles corresponde decidir o calendario e as datas de acordo ás normas do partido” e “pensando sempre no mellor para os galegos e galegas”.
O PSdeG CONSEGUÍU MEDRAR EN TODAS AS CONVOCATORIAS ELECTORAIS
Gonzalo Caballero recordou ademais que o PSdeG mellorou o seu nivel de apoio nestes últimos 4 anos en todas as convocatorias electorais que houbo. Polo miúdo, lembrou que “nas xerais fomos a primeira forza política de Galicia por prmeira vez na historia, nas municipais acadamos un nivel de apoio como nunca tiveramos, con gobernos en cinco das sete grandes cidades, en tres das catro deputación e en 113 municipios que gobernan ao 55 por cento da poboación”.
O PSdeG tamén avanzou en porcentaxe de apoio nas autonómicas, aínda que a pandemia mudou unha tendencia electoral que en abril apuntaba a que o Partido Socialista podía liderar un cambio político progresista en Galicia. En calquera caso, Gonzalo Caballero puxo en valor que “freamos a tendencia decrecente que o partido tiña en todas as convocatorias electorais dende o ano 2009 e subimos en apoio electoral en todos os comicios dende que son secretario xeral”.
En consecuencia, “o PSdeG ten forza, capacidade, proxecto e ideas para o futuro de Galicia”. Fronte a un PP “que representa a inercia, o conservadurismo e a inacción” e un BNG “que abraza un independentismo catalán que non supón nada bo para Galicia”, o PSdeG é “o partido para o progreso dos galegos e galegas”.