A parlamentaria socialista Noa Díaz vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que faga “as xestións oportunas” coa entidade Abanca, herdeira das caixas de aforros galegas, para que reabra a sucursal de Mesón do Vento.
Díaz lembra que o recente peche desta oficina, executado o pasado 21 de xullo, “deixa sen un servizo básico á súa veciñanza, obrigada a trasladarse a 10 quilómetros para realizar as súas xestións bancarias na oficina de Ordes, saturada e con grandes esperas”. Esta decisión suscitou nunha campaña de recollida de firmas encetada pola agrupación socialista de Ordes, que en apenas unha fin de semana sumou un millar de apoios.
Sinala que o proceso de reestruturación bancaria ten suposto entre marzo de 2015 e de 2021 o peche de máis de 110 oficinas desta entidade, un proceso que se está a ver incrementado nos últimos meses “de xeito indiscriminado”. Esta decisión deixa moitas poboación sen servizo bancario, unha situación denominada como “de exclusión financeira” que está a afectar a unha parte importante da poboación galega.
A reestruturación obriga aos veciños e veciñas a desprazarse ata outra localidade para realizar calquera xestión ou trámite bancario que precisen, ademais de afectar “sen dúbida á economía da zona, nomeadamente servizos, hostalaría e comercio”, e está a repercutir de maneira moi negativa no benestar da poboación.
Apunta que “o proceso acelerado de dixitalización no que están inmersas as entidades financeiras galegas, ignorando a fenda existente nese eido para moitos colectivos, especialmente xente maior e que habita en concellos rurais, amosa unha realidade complexa que esixe a inmediata intervención das administracións públicas”.
Lembra que a atención ás comarcas rurais e a loita contra o seu despoboamento “pasa polo mantemento e consolidación dos servizos básicos, e en maior medida en zonas nas que existe un problema demográfico”. Por iso, conclúe, “os poderes públicos non poden permanecer alleos a procesos que están a supor un cada vez maior esmorecemento do rural, en contra do manifestado en múltiples ocasións polo actual goberno galego”.