O parlamentario socialista Martín Seco vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para urxir á intervención da Xunta co obxecto de frear o peche da sucursal de Abanca na parroquia de Baíñas –Vimianzo- prevista para o próximo 8 de setembro. O responsable socialista participa hoxe na concentración veciñal convocada na parroquia contra unha decisión que afectará a 700 veciños e veciñas.
O responsable socialista leva esta protesta ao Parlamento de Galicia para pedirlle á Xunta que “inicie de inmediato as xestións oportunas para que a entidade Abanca, herdeira das caixas de aforros galegas, manteña a súa sucursal bancaria na parroquia de Baíñas, no Concello de Vimianzo”. Lembra a contestación social unánime contra esta decisión, que foi refrendada pola unanimidade dos tres grupos políticos que conforman a corporación municipal.
Explica que este peche afectará “moi negativamente na calidade de vida da poboación de máis idade, á que lle é imposible acceder ás novas utilidades tecnolóxicas coas que se pretende substituír o trato persoal cos empregados da sucursal”.
A reestruturación obrigará aos veciños e veciñas a desprazarse ata outra parroquia para realizar calquera xestión ou trámite bancario que precisen, ademais de afectar “sen dúbida á economía da zona, nomeadamente servizos, hostalaría e comercio”. O fenómeno da exclusión financeira derivado da reestruturación bancaria que está a afectar a numerosos concellos galegos, maioritariamente rurais, está a repercutir de maneira moi negativa no benestar da poboación.
Apunta que “o proceso acelerado de dixitalización no que están inmersas as entidades financeiras galegas, ignorando a fenda existente nese eido para moitos colectivos, especialmente xente maior e que habita en concellos rurais, amosa unha realidade complexa que esixe a inmediata intervención das administracións públicas”.
Lembra que a atención ás comarcas rurais e a loita contra o seu despoboamento “pasa polo mantemento e consolidación dos servizos básicos, e en maior medida en zonas nas que existe un problema demográfico”. Por iso, conclúe, “os poderes públicos non poden permanecer alleos a procesos que están a supor un cada vez maior esmorecemento do rural, en contra do manifestado en múltiples ocasións polo actual goberno galego”.