O PSdeG manifestou hoxe o seu apoio a Walter Pardo, “un alcalde de referencia” para Malpica ao longo dos últimos dous anos, e reprobou “as operacións escurantistas” postas en marcha polo PP para acceder á alcaldía a través dunha moción de censura cun concelleiro non adscrito.
Ante a situación xerada nesta vila da Costa da Morte, o Partido Socialista de Galicia sinalou que ao longo deste mandato “constatamos que o PP non ten proxecto para Malpica”, tan só “unha suma de intereses persoais que nada aportan á vila”, mentres que Walter Pardo “é o alcalde que Malpica necesita”.
“Walter Pardo sempre estivo a carón das necesidades da vila e da súa veciñanza”, tanto na defensa dos servizos que require Malpica ou das infraestruturas que necesita a bisbarra, como no relativo aos sectores produtivos, especificamente a pesca.
Así pois, logo de preguntar “en que consiste o pacto do PP co edil non adscrito”, o partido que dirixe Gonzalo Caballero deixou claro que “fronte a este tipo de estratexias do PP, o PSdeG seguirá a carón dos intereses dos veciños e das veciñas de Malpica”.