O líder do PSdeG lamenta que Feijóo estea “ausente” cando “foi quen permitiu a privatización das caixas de aforros”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, censurou, hoxe, a “pasividade” da Xunta ante o peche de sucursais bancarias no rural de Galicia.
“Non podemos tolerar que o rural quede sen oficinas bancarias, xa que supón un enorme prexuízo para a veciñanza, ao impor unha exclusión financeira á poboación rural”, sentenciou o dirixente socialista. Así, lamentou, “cada semana que pasa pechan sucursais en concellos da Galicia rural”, como é o caso de Soutelo de Montes, A Baña ou Vimianzo, e tendo en conta que “ás veces os municipios quedan ata sen caixeiro”.
Ao fío disto, incidiu, “a problemática agrávase se temos en conta que a meirande parte das persoas que habitan no rural son maiores e acusan unha fenda dixital” polo que “poden ter máis dificultades para acceder á banca electrónica a través de Internet”.
“Despois de 12 anos de abandono, esquecemento e falla de políticas por parte do goberno galego, este peche masivo de oficinas supón unha labazada máis os concellos pequenos de Galicia ante a que Feijóo se atopa impasible”, sinalou o responsable socialista. “Feijóo non pode estar ausente” cando, ademais, “foi quen permitiu a privatización das caixas de aforros”, sentenciou o dirixente socialista.
Estes peches, alertou Gonzalo Caballero, “só poden contribuír a unha maior despoboación do noso rural”. Así, subliñou, “a Xunta non debe esquecerse de que ten a obriga de garantir a todos os galegos e galegas os seus dereitos independentemente de onde vivan”.
Por último, o dirixente socialista amosou o seu apoio ao concellos afectados polo peche de sucursais e trasladou o “compromiso” e “respaldo” do PSdeG á hora de impulsar iniciativas que consigan reverter esta situación.