Pablo Arangüena afirma que o goberno galego só pide autorización para aplicar esta medida despois de que o TSXG o puxo en evidencia
O vicevoceiro do PSdeG tamén lle reclama á Xunta que deixe o “ecopostureo” e declare a “emerxencia climática” tras o informe da ONU que constata que o cambio climático se está acelerando
O grupo socialista no Parlamento de Galicia esixiulle hoxe ao goberno da Xunta que asuma responsabilidades pola “grave ilegalidade” de ter durante 20 días a toda a hostalería de Galicia pedindo certificados covid sen autorización xudicial, tal e como advertiu o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
O vicevoceiro do PSdeG, Pablo Arangüena, incidiu esta mañá, en rolda de prensa, en que “alguén debería dimitir na Xunta porque é unha situación sen precedentes e inexplicable: un gobernante democrático ten que respectar as leis e, se non as respecta, non é democrático”.
Nesta liña, Arangüena incidiu en que “é a primeira vez en España que un Tribunal superior de xustiza ten que explicarlle a través dunha nota de prensa a un goberno autonómico que unha medida restrictiva de dereitos fundamentais non ten vixencia se non está autorizada xudicialmente”. A maiores, remarcou que este feito “inaudito” é “outra mostra dos tics autoritarios que afloran no PP de Galicia despois de que tamén o Tribunal Constitucional obrigase ó goberno galego a recuar coa vacinación obrigatoria na lei galega de saúde”. Todo isto “coloca á Xunta de Galicia como a administración autonómica líder en ilegalidade e incompetencia”.
“Nunha empresa privada”, afirmou o vicevoceiro socialista, “un feito semellante implicaría o cese fulminante do seu responsable”, pero “o problema é que nos tememos que aquí ninguén vai dimitir porque o responsable directo é o señor Feijóo co seu desprezo pola legalidade, o seu afán de protagonismo e a súa política de titulares cara á galería, confrontación estéril e propaganda”.
Neste contexto, Pablo Arangüena recordoulle ao presidente da Xunta que “a maioría absoluta non lle permite gobernar desde a ilegalidade, e menos unha maioría absoluta conseguida en medio dunha pandemia e cunha abstención do 51 por cento”.
Por iso, advertiu de que “se Feijóo despois dun cuarto de século sen baixarse do coche oficial chegou á conclusión de que non lle gustan as leis, o que ten que facer é deixar a política e dedicarse a outra cousa”. “O que non pode facer”, lembrou, “é decidir unilateralmente que restrinxe dereitos fundamentais sen autorización xudicial, cando durante o confinamento dicía que o estado de alarma era un estado de excepción encuberto”.
FEIJOO SO PIDE AUTORIZACIÓN DESPOIS DE QUE O POÑAN EN EVIDENCIA
Agora, o vicevoceiro do PSdeG explicou que a Xunta só solicita autorización “despois de que TSXG os poña colorados lembrándolles que a medida non ten ningún tipo de validez porque non foi autorizada xudicialmente”. “É dicir”, concluíu, “primeiro cometen a falcatruada, logo o TSXG tíralles das orellas e entón volven a casa común que é o Estado de dereito co rabo entre as pernas”.
En calquera caso, Pablo Arangüena considera que “se a explicación é que foi un erro, en primeiro lugar terán que explicarnos como pode cometerse un erro desta magnitude e, en segundo lugar, alguén tería que dimitir porque un erro así non pode cometerse por unha administración minimamente seria sen que dimita alguén”.
“INEXPLICABLE” CONFRONTACIÓN DA XUNTA COAS VACINAS
Por outra banda, o vicevoceiro do PSdeG lembrou que “Galicia é a terceira comunidade que recibiu máis vacinas no Estado”. Con este dato enriba da mesa, Arangüena cualificou de “inexplicable” que Feijoo “siga insistindo en confrontar co tema da vacinación e que ademais use a web de información e consulta sobre a covid da Xunta de Galicia para dicir que o goberno central penaliza a Galicia cando sabe que é unha falsidade evidente”.
Así, denunciou que se está “usando un medio público, que debería servir para informar e facer fronte á pandemia, como medio para desinformar”. “E iso”, apunta Arangüena, “significa abusar do público para sacar vantaxe política en plena pandemia”.
EMERXENCIA CLIMÁTICA
Por outra banda, Pablo Arangüena reclamoulle ao goberno de Galicia “que deixe de facer ecopostureo e de ser a administración máis rezagada de España en temas medioambientais e que declare a emerxencia climática como xa fixeron a inmensa maioría das Comunidades Autónomas e o goberno do Estado”.
Tamén demandou unha lei de cambio climático “á altura dos tempos” e que a Xunta “se poña as pilas nun tema no que nos xogamos o noso futuro como especie”.
Pablo Arangüena realizou estas declaración ao fío do sexto informe do grupo de expertos sobre cambio climático da ONU, que conclúe que “constata que o cambio climático estase acelerando e que non estamos facendo o necesario para evitalo”.