O secretario xeral do PSdeG subliña que “o diálogo e o acordo” son “a mellor vía de avanzar fronte a estratexia de conflito, tensión e confrontación marcada polo PP de Casado, Ayuso e Feijóo”
O líder do PSdeG reivindica que Galicia “é a terceira comunidade que máis vacinas recibiu por poboación”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou de “imprescindible” a rectificación feita hoxe polo conselleiro de Sanidade logo da celebración do Consello Interterritorial ao asegurar que “acepta o axuste” para a distribución de vacinas.
“A rectificación do conselleiro era imprescindible porque a deslealdade e o conflito non son admisibles para xestionar unha pandemia”, sentenciou o dirixente socialista, quen incidiu en que a cidadanía “é plenamente consciente de que a estratexia de vacinación do goberno de España está funcionado” ao tempo que “sabemos que Galicia é unha das comunidades que máis vacinas recibiu”.
Ao fío disto, o líder socialista lembrou que Galicia “é a terceira comunidade autónoma que máis vacinas obtivo por poboación, o cal permite que máis do 70% dos galegos e galegas estean inoculados a día de hoxe”.
O máximo dirixente das e dos socialistas galegos considerou que “as tensións e conflitos buscados polo Partido Popular de Galicia fronte a estratexia de vacinación son estériles e ruíns, xa que non levan a nada positivo”.
“No tema das vacinas deuse a primeira rectificación da Consellería de Sanidade, agora toca a seguinte rectificación que é a máis importante: teñen que fortalecer a atención primaria”, sentenciou.
Por último, Gonzalo Caballero recoñeceu que “todas as comunidades queren recibir a maior numero de doses posibles”, pero “o dialogo e a acordo no Consello Interterritorial son a mellor vía de avanzar fronte a estratexia de conflito, tensión e confrontación marcada polo PP de Casado, Ayuso e Feijóo”.