O secretario xeral do PSdeG reúnese co alcalde Pablo Lago e insta á Xunta a fortalecer os servizos educativos da escola de Sabaxáns, en vez de pechar aulas, e a reclama tamén un parque cuberto
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desprazouse hoxe ao municipio de Brión para manter un encontro co seu alcalde, Pablo Lago; na compañía do presidente do PSdeG e senador, Xoaquín Fernández Leiceaga; e da deputada Noa Díaz.
Dende alí, o líder das e dos socialistas galegos instou á Xunta a “reconsiderar” o peche dunha aula na Escola de Educación Infantil de Sabaxáns, logo do anuncio por parte da Consellaría de Educación “en pleno verán”. Así, censurou que a Xunta pretenda integrar nunha mesma aula aos 18 alumnos e alumnas do centro cando isto “suporía un enorme prexuízo para o alumnado”.
O dirixente socialista reivindicou unha “educación pública de calidade para todas e todos tamén no rural” cando ademais “Brión é un concello en expansión demográfica e con posibilidades de crecemento”.
Doutra banda, Gonzalo Caballero pediu á Xunta “que se comprometa” coa execución dun parque cuberto na vila na zona de Tarrío-Pedrouzo que “combine actividade lúdica deportiva e tamén de recreo para as persoas maiores”.
COMPROMETIDOS CON BRIÓN
Ao fío disto, o dirixente socialista salientou que a xuntanza serviu para “coñecer de primeira man todas as necesidades de Brión e poñer a disposición do alcalde todo o traballo do PSdeG en todas as administracións”.
Ao mesmo tempo, Gonzalo Caballero puxo en valor “o traballo” desenvolvido por Pablo Lago ao fronte da Alcaldía “en tempos tan complexos e de tanta dificultade pola pandemia”.
Así, lembrou que ao rexedor “lle tocou debutar nunha situación de pandemia e de crise económica e social na que todos os proxectos tiveron que colocarse nun espazo distinto de prioridades para atender o social e dar resposta á pandemia”.
PABLO LAGO: “ERA UNHA VISITA NECESARIA E AGRADÉZOA”
Por último, o alcalde de Brión, Pablo Lago, agradeceu ao secretario xeral do PSdeG a súa visita para abordar cuestións relativas ao municipio e poder trasladarlle as necesidades das veciñas e veciños. “Era unha visita necesaria e agradézoa”, subliñou, antes de trasladar aos parlamentarios socialistas a situación de Brión e as súas demandas.