O secretario xeral critica que o PP e o BNG “non estiveron á altura do que Galicia merecía e do que os galegos e galegas demandabamos” cando non apoiaron os orzamentos que fan posible esta rebaixa
A Coruña, 26 de xullo de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou hoxe de “excelente noticia” a rebaixa “histórica” das peaxes da AP-9, unha medida que “vai beneficiar a milleiros de galegos e galegas” e que leva “o selo do Partido Socialista”.
Gonzalo Caballero realizou estas declaracións aos medios de comunicación tras asistir ao acto na Delegación do Goberno na Coruña no que a ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Raquel Sánchez, presentou as novas bonificacións que beneficiarán aos usuarios da autoestrada.
O líder do PSdeG lembrou que a rebaixa das peaxes da AP-9 “era unha demanda histórica e tivo que ser un goberno do PSOE, presidido por Pedro Sánchez, o que leve adiante unha medida que vai mudar as posibilidades de mobilidade de milleiros de galegos e galegas no seu día a día”.
Neste senso, recordou que “na súa última visita a Galicia, José Luis Ábalos comprometeuse comigo a que o ministerio traballaría para que o 31 de xullo estivesen listas as rebaixas da peaxe da AP-9 e compráceme ver como a nova ministra mantén todos os compromisos en este ámbito e en todos os da mobilidade que afectan a Galicia”.
“CUMPRINDO CON GALICIA”
Deste xeito, remarcou Gonzalo Caballero, “temos tamén a garantía de que todos os asuntos fundamentais para Galicia en materia de transportes, mobilidade ou infraestruturas van seguir estando na axenda de prioridades para seguir cumprindo con Galicia”.
O líder socialista enfatizou que ese compromiso afecta a proxectos tan importantes como a finalización das obras do AVE, o desenvolvemento das intermodais, a conexión ferroviaria a Punta Langosteira, a saída sur de Vigo, ou a conexión de Lugo co AVE. “Como secretario xeral, é unha satisfacción ver que avanzamos”, recalcou, e comprometeuse a “seguir remando para acadar todos os avances”.
“DÍA DE SATISFACCIÓN”
Gonzalo Caballero incidiu en que “hoxe é un día de satisfacción para todos os galegos e galegas” e expresou a súa confianza en que “os representantes do PP e BNG respalden unha medida histórica, recoñecendo que o goberno de España cumpre nesta rebaixa”.
Porén, criticou que populares e nacionalistas se opuxeran no seu día aos orzamentos xerais que posibilitan esta rebaixa histórica. “O voto negativo do PP e a oposición do BNG aos orzamentos imposibilitaba esta rebaixa e, polo tanto, foi o impulso do PSOE o que fixo capaz que esta medida se levase adiante”, lembrou.
“En definitiva”, concluíu Caballero, “unha boa nova que leva o selo do PSOE, mentres o PP e o BNG non estiveron á altura do que Galicia merecía e do que os galegos e galegas demandabamos”.