O dirixente socialista reclama a apertura de todas as camas de hospital que pechou Feijóo, potenciar a atención primaria e rematar coa precariedade de contratos na sanidade como homenaxe ao seu traballo durante a pandemia
O exministro Francisco Caamaño destaca que a “alma galeguista do Partido Socialista xogou un papel importantísimo na consecución do Estatuto do 81”
O presidente do PSdeG e senador, Xoaquín Fernández Leiceaga, reivindica “o galeguismo cívico e integrador” do PSdeG, un galeguismo “que mira ao futuro e á xente” e que traballa “a prol do benestar, dos dereitos e da igualdade”
A voceira de Cultura do Grupo Socialista na Cámara galega, Noa Díaz, subliña que “é tarefa de todos e todas esforzarnos por fomentar a nosa cultura”
A expresidenta do Parlamento de Galicia Dolores Villarino recorda que o Partido Socialista leva 140 anos “e non dende antonte” loitando “pola igualdade”
O presidente da Fegamp, Alberto Varela, enfatiza o papel do municipalismo na “lexítima aspiración de dotar de poder político a Galicia” e amosa que “Galicia sabe que pode seguir contando co PSdeG para mellorar”
A voceira socialista en Rianxo, María del CarmenFigueira, destaca que “os e as socialistas levamos no noso ADN sacar adiante iniciativas que melloren a vida da maioría”
Rianxo, 25 de xullo de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, garantiu hoxe que “en canto remate a pandemia, os socialistas volveremos ser, ao igual que hai 40 anos, a bandeira e a referencia para construír un novo Estatuto de Autonomía de Galicia no que todos teñamos cabida e no que as galegas e os galegos poidan construír o futuro do país”. Ese foi un dos grandes compromisos que adquiriu hoxe o líder socialista durante a celebración do Día de Galicia, coa tradicional ofrenda floral ante o monumento a Castelao en Rianxo.
Neste escenario -e ante un nutrido grupo de militantes e simpatizantes-, Gonzalo Caballero incidiu en que actualizar o Estatuto “é o mesmo que dicir que temos que actualizar Galicia para darlle respostas ás necesidades das galegas e os galegos”. “Temos que construír a Galicia do século XXI: unha Galicia moderna que reclama o seu papel en España e en Europa, innovadora, sostible, desenvolvida, aberta ao mundo”.
Así, entre “a Galicia acomplexada de Feijóo” e “a Galicia illada do nacionalismo galego”, Gonzalo Caballeroreivindicou “unha Galicia protagonista en España e en Europa” para o que “necesitamos”, dixo, “un PSdeG forte, federalista, socialdemócrata e galeguista”. De feito, puxo en valor o federalismo como “o único espazo de convivencia pacífica, amable, de identidades nacionais diversas” e, en consecuencia, “o mellor antídoto contra a vocación independentista dos nacionalismos”.
Nesta liña, o máximo responsable do PSdeG advertiu de que “non podemos seguir atrapados nos xogos estratéxicos da dereita e dos nacionalismos, que levan anos dicíndonos aos demais o que temos que facer e sen facer eles nada”. Por iso, remarcou, “eu hoxe non lle vou poñer deberes ao señor Feijóo, voumos a poñer a min mesmo e ao PSdeG”.
Así, ademais de “iniciar os trámites para renovar o Estatuto de Galicia” unha vez pase a pandemia, Gonzalo Caballero tamén adquiriu o compromiso de abrir todas as camas de hospital que pechou o goberno conservador de Feijóo, ao tempo que chamou a potenciar a Atención Primaria e a rematar nesta lexislatura coa precariedade de contratos na sanidade, “que é indigna e que nos leva a un país peor”. Para Caballero esta será “a mellor homenaxe” ao traballo que fixeron os profesionais sanitarios durante a pandemia.
Para rematar, Gonzalo Caballero asegurou que “ten chegado o momento de que cada quen decida o que quere ser”. “Feijóo”, apuntou, “está obsesionado con poñerse a traballar para que Casado sexa presidente do Goberno e para amosar a súa amizade con Ayuso” e, mentres, “a señora Pontón quere amosar o seu independentismo xunto a Junqueras”. En contraposición a estas actitudes, Caballero remarcou o seu “compromiso con Galicia, cos galegos e galegas e co PSdeG”.
“Non teño outra meta”, afondou, “que servir aos galegos e galegas dende o PSdeG, sendo un instrumento útil a unha Galicia que nos necesita con forza e con impulso”. “En Galicia, por Galicia e para Galicia”, finalizou Gonzalo Caballero.
FRANCISCO CAAMAÑO
O acto de Rianxo contou tamén coa presenza do exministro de Xustiza do goberno de España Francisco Caamaño, quen falou de como a “alma galeguista do Partido Socialista xogou un papel importantísimo na consecución do Estatuto do 81” e do papel a xogar de cara a esa reforma que debullou Gonzalo Caballero.
Ao fío diso, Caamaño defendeu que “os e as socialistas queremos ser iguais no que temos que ser iguais, pero queremos que se nos recoñezan as diferencias no que somos diferentes” e “esa é unha cultura que probablemente teremos que trasladar a unha futura reforma do Estatuto”.
Nesta liña, fixo un chamamento a reflexionar sobre a posibilidade de que esa reforma inclúa unha carta de servizos para a cidadadanía, na que se recollan os dereitos e deberes propios dos galegos e galegas. Tamén incidiu en que se aproveite para enfrontar os problemas de envellecemento ou de dispersión poboacional, de xeito que se “actualicen” tamén as necesidades e os problemas que hoxe ten Galicia.
XOAQUÍN FERNÁNDEZ LEICEAGA
Pola súa banda, o presidente do PSdeG e senador, Xoaquín Fernández Leiceaga, reivindicou “o galeguismo cívico e integrador” do PSdeG, un galeguismo “que mira ao futuro e á xente” e que traballa “a prol do benestar, dos dereitos e da igualdade”.
Partidario tamén de “defender as nosas bandeiras e peculiaridades”, o senador socialista recalcou que a tarefa “máis importante tarefa que temos por diante “é darlle un goberno socialista a Galicia”. “Non podemos deixar que a dereita conservadora monopolice o autogoberno, porque o autogoberno tamén significa alternancia”, recalcou.
NOA DÍAZ
Tamén tomou a palabra a voceira de Cultura do Grupo Socialista na Cámara galega, Noa Díaz, quen citou a Ramón Piñeiro para poñer de relevo a importancia da lingua propia, “a alma viva e de seu” de Galicia. “É tarefa de todos”, afirmou, “esforzarnos por fomentar e protexer a nosa cultura”.
Asemade, a deputada socialista convidou a todos os presentes a consumir cultura e produtos galegos “nestes tempos incertos” para que “os nosos fillos e netos poidan seguir celebrando o Día Nacional de Galicia”.
DOLORES VILLARINO
A expresidenta do Parlamento de Galicia Dolores Villarinolembrou na súa intervención que o Partido Socialista leva 140 anos loitando “pola igualdade”.
Recordou que esa defensa da igualdade é un dos sinais de identidade do socialismo “de sempre” e non de “antonte”, como noutros casos. Por iso, recordou, “os socialistas somos feministas, federalistas, ecoloxistas e de esquerdas”, xa que todos estes obxectivos se engloban na loita pola igualdade, que “é a característica máis importante que temos como socialistas”.
ALBERTO VARELA
Na súa quenda, o presidente da Fegamp, Alberto Varela, enfatizou o importante papel xogado polo municipalismo e os concellos na “lexítima aspiración de dotar de poder político a Galicia”.
“Corenta anos despois, os concellos son a base sólida sobre a que se constrúe a nosa terra”, incidiu e puxo como exemplo o traballo feito polos compañeiros e compañeiras socialistas nos concellos durante a pandemia, “porque estivemos a carón de todas os galegos e galegas”. “Galicia sabe que pode seguir contando co PSdeG para mellorar”, subliñou.
MARÍA DEL CARMEN FIGUEIRA
Namentres, a voceira socialista en Rianxo, María del CarmenFigueira, destacou que “os e as socialistas levamos no noso ADN sacar adiante iniciativas que melloren a vida da maioría”, xa que “tendo as mesmas oportunidades pódese conseguir unha sociedade máis igualitaria”.
Apuntou que iso é algo que “demostramos nas administracións nas que gobernamos” nas que se “está a investir na xente, con criterios obxectivos, e sen deixar a ninguén atrás”. Por iso, recordou que “non é o mesmo que gobernen uns que outros”.
ACTUACIÓNS MUSICAIS
A conmemoración do Día de Galicia rematou coa interpretación do Himno de Galicia e cunha actuación do cantautor galego Luis Emilio Batallán.
Ao inicio, trala ofrenda floral, un grupo de gaiteiros fixo soar a Marcha do Antigo Reino.