Lamenta a “escusa fácil” do goberno galego “que se escuda en que un programa informático non contempla a posibilidade de unificar as listas de subalternos e ordenanza de substitución”, o que implica excluír a estes últimos á hora de cubrir baixas e substitucións
A voceira de Función Pública, Paloma Castro, vén de denunciar a “anulación discrecional” por parte da Xunta dunha listaxe de contratación temporal de persoal laboral na Administración Pública galega.
Fíxoo, hoxe, logo de presentar unha iniciativa no Parlamento galego para esixir ao goberno galego que unifique as listas de ordenanza de substitución e subalternos para cubrir baixas e vacacións do persoal funcionario da Administración Pública galega ante a situación de “desleixo” á que lles abocou o goberno galego.
“Dende o pasado mes de xuño, en que se iniciaron os exames para o procedemento de funcionarización dos postos de ordenanza da Xunta, deixouse de chamar ás persoas que estaban na listaxe de substitución para cubrir baixas e vacacións”, alertou a vicevoceira socialista.
Así, censurou, “a Xunta, en vez de volcar os nomes das persoas da lista de ordenanza de substitución dentro da lista de subalternos e unificalos nunha única listaxe, optou por chamar só á xente da lista de subalternos para cubrir as baixas e deixou fóra ao candidatos da lista de ordenanza”, o que “deixa nunha situación de incerteza e grave prexuízo a todas estas persoas”.
A isto é preciso engadir, sinalou Castro, que “a meirande parte son mulleres de máis de 40 anos” e cando “moitas delas contaban con ser chamadas este ano por ter unha puntuación alta” grazas a que “levan moitos anos cubrindo substitucións”. “Agora atópanse nunha situación de desamparo total”, alertou.
Con todo, a vicevoceira socialista instou á Xunta a “resolver esta situación” xa que “non pode anular de xeito discrecional unha lista”. “A unificación das listas permitiría chamar as persoas segundo a súa puntuación e en base a criterios obxectivos”, o que resultaría “o máis adecuado e xusto”.
“O goberno galego non se pode escudar en que o programa informático non prevé a posibilidade de unificar as listaxes, xa que nos atopamos en pleno século XXI”, censurou. “Isto é unha escusa fácil que amosa o desleixo da Xunta de Galicia” co persoal laboral da administración pública galega, concluíu.