A parlamentaria socialista Leticia Gallego vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Xunta que garanta a cobertura urxente das vacantes no Centro de Saúde de Oia, que ten neste momento a Atención Primaria “deliberadamente desmantelada” pola xestión da Xunta. Gallego visitou hoxe o Concello, onde mantivo un encontro co portavoz socialista, Gerardo Rodríguez, e diversos integrantes do Grupo Municipal, diante do Centro de Saúde.
Gallego lembrou que neste momento hai un só médico facendo o traballo das dúas prazas asignadas ao Concello, saturado por ter que atender 2 cupos sanitarios nun Centro de Saúde que tampouco conta con profesional de Pediatría, obrigando aos veciños e veciñas a desprazarse a O Rosal, A Guarda ou mesmo ata Baiona para recibir a atención que merecen os seus pequenos.
“Os veciños non poden máis”, dixo, coas consecuencias dun goberno galego que “demostra cada día que non cre na sanidade pública”, polo que presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para esixir a cobertura das prazas vacantes de médicos de Atención Primaria e garantir a consulta do servizo de Pediatría como mínimo dous días á semana. Os socialistas reclaman ademais unha ambulancia medicalizada para garantir a asistencia sanitaria en toda a comarca de Baixo Miño.