O parlamentario socialista Julio Torrado lamentou hoxe o “abandono e pasotismo” por parte do goberno galego cara ás traballadoras de Thenaisie Provote, a coñecida como Fábrica de Rons, en risco de peche. Torrado presentou unha pregunta oral en Comisión para constatar que o goberno galego está “a velas vir” mentres a factoría afronta serios problemas de continuidade da súa actividade.
O parlamentario arousán amosou a súa decepción pola posición do goberno galego, con “palabras boas abondo, pero que segue sen solucionar nada” logo de malograse a última opción dunha empresa catalá malia que a Xunta “adoptara sumisamente unha posición conformista coa perda de parte dos postos de traballo”. Aquela opción quedou “en nada”, cando empresa renunciou e “case os pillou coa rolda de prensa convocada” para atribuírse o mérito.
Lamentou que o goberno galego se manteña “como observador dun partido de tenis entre os investidores e as traballadoras, en lugar de traballar cando menos para equilibrar a balanza” entre as dúas partes. Mentres tanto, seguen sen ofrecer “nin unha soa iniciativa para buscar solucións” que protexan ás máis de 100 traballadoras pendentes da situación da empresa que ten a planta en O Grove e a central loxística no Concello de Mos.
Advertiu de que a administración “pode ter a ferramenta non para determinar, pero si para condicionar as solucións” actuando na busca de investimentos ou ben operando como mediadora para facilitar a negociación coas traballadoras. Lembrou ademais que o Igape pode contribuír con fórmulas legais e económicas, incluíndo a formación da plantilla para ofrecer valor engadido e facilitarlles novas ocupacións.
Reclamoulle ao Executivo que presente “que medidas concretas” teñen pensado poñer en marcha para salvar a situación “máis alá de intentar quedar ben e dicir moitas cousas que non colan” para unha empresa que “durante o confinamento funcionaba e mesmo estaba crecendo”.