Carmen Rodríguez Dacosta urxe á Xunta informar ás persoas afectadas cando ademais da “grande perda económica” hai un problema sobre “o futuro uso desta superficie”
A voceira de Gandaría do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, vén de instar á Xunta de Galicia a concretar as medidas fronte á banda marrón e vermella do piñeiro ante a “enorme preocupación” dos propietarios. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Agricultura do Parlamento, logo de presentar unha proposición non de lei neste senso, que foi rexeitada polo PP.
“O futuro do piñeiro insigne nas zonas montañosas da provincia de Lugo corre perigo se non se toman medidas contra a enfermidade”, reivindicou a responsable socialista, logo de instar ao goberno galego a “fomentar a repoboación” con outras coníferas “máis axeitadas para estas estacións”.
Nesta liña, sinalou que os propietarios afectados están “altamente preocupados” pola expansión do fungo, dado que “teñen masas ás que aínda lles faltan anos por entrar na quenda de corta e nas que xa fixeron diferentes tratamentos silvícolas como podas ou desbroces co conseguinte custe económico”.
Con todo, Rodríguez Dacosta alertou de que este “problema” está aumentando en Galicia, dado que “a banda marrón atacou moi forte este inverno”, no que se agravou a problemática e “chegaron a secar moitos exemplares”, co que moitos propietarios tiveron que talar os seus montes.
“Á grande perda económica únese ao problema do futuro uso desta superficie, xa que o piñeiro insigne é a recomendada para este distrito nos modelos silvícolas recentemente aprobados”, subliñou a socialista, polo que, urxiu á Xunta a “informar” aos propietarios.