O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, esixiulle á Xunta que garanta o emprego nas fábricas de Xeal –antiga Ferroatlántica- en Cee e Dumbría. O responsable socialista presentou unha proposición non de Lei neste sentido no Pleno do Parlamento celebrado hoxe, que sen embargo foi rexeitada polo PP.
O responsable socialista sinalou que “a Xunta de Galicia non pode seguir mirando para outro lado e debe garantir o mantemento dos postos de traballo e a actividade das ferroaleacións, segundo o establecido nos fundamentos xurídicos da sentenza do TSXG de novembro de 2020”. Apunta que o goberno galego está obrigado a fixar uns criterios mínimos de cumprimento da condición da non segregación das actividades, que segundo a sentenza foi establecido para asegurar o emprego.
Seco reclámalle ao vicepresidente económico do goberno galego que cumpra coo seu compromiso de clarificar as cláusulas da concesión para que Xeal poida acatar a dita sentenza, tal e como se comprometeu nun encontro cos alcaldes da comarca no pasado mes de febreiro. Lembra que o conselleiro Conde “comprometeuse a estudar xuridicamente o caso para definir os parámetros a seguir para o mantemento da actividade e dos postos de taballo”.
Apuntou que “non lles vale o argumentario para culpabilizar ao Estado da situación de Xeal, xa que neste caso, aínda que o prezo elevado do consumo eléctrico penaliza á produción de ferroaleacións, tamén prima a parte da empresa que se beneficia pola xeración de enerxía”.
Martín Seco reclama garantías para a continuidade dos postos de traballo logo de que a empresa activara un ERTE no mes de febreiro de 2019 como consecuencia da pandemia, que sen embargo vén de ser declarado ilegal e xa finalizou en febreiro. A realidade, dixo, foi que no ano 2020 as plantas de Cee e Dumbría estiveron ao 10 por cento da capacidade de produción, con 2 dos 5 fornos en marcha, ata que a finais do ano pasado se activara un terceiro.
Dende 2019 perdéronse máis de 100 postos de traballo entre persoal eventual e industria auxiliar, e a nova da dirección da empresa está a quitarlle traballo a empresas da comarca, mentres llelo concede a empresas foráneas. Apunta que ultimamente teñen levado a cabo un despido dun traballador de administración, denunciado pola unanimidade do Comité de Empresa, que comezou unha axenda de mobilizacións para reclamar a súa readmisión.
Opacidade
Martín Seco reclámalle tamén ao goberno galego que informe das condicións da venda da empresa, así como a situación industrial das plantas e o Plan de viabilidade presentado por Xeal, que aínda non foron feitos públicos. Sinala que a día de hoxe “descoñecemos o acordo entre os novos propietarios e o grupo vendedor”, pero si que “sabemos que Ferroglobe se converteu no único receptor da produción, ao tempo que se comprometía a subministrar materias primas clave”.
O responsable socialista sinala a importancia de “saber cal é este acordo, que cremos que a Xunta de Galicia coñece pero oculta, para saber se Xeal é libre para poder ter un proxecto industrial ou se simplemente aporta man de obra barata para Ferroglobe, que semella que é o que realmente sucede”.