Juan Carlos Francisco Rivera critica o “entramado político e económico” da administración provincial gobernada por Baltar logo do informe de fiscalización do Consello de Contas que aprecia “defectos moi graves”
O PP respalda o “modelo de actuación” baseado en “clientelismo” e “enchufismo” da Deputación de Ourense. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Economía do Parlamento, logo de votar en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista na que se instaba á Xunta de Galicia a demandar á administración provincial, gobernada polo PP, a “cambiar o seu modelo de actuación política” con respecto ao reparto dos fondos públicos.
Co informe de fiscalización da Deputación de Ourense presentado polo Consello de Contas na man, o deputado ourensán e voceiro de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco Rivera, criticou o “entramado político e económico” do ente provincial dirixido por Baltar que “é utilizado exclusivamente como empresa de colocación afín aos intereses do PP e a xente vinculada a este partido”.
“A Deputación de Ourense está moi lonxe de ser unha institución democrática, transparente e cuxos intereses estean ao servizo da cidadanía”, lamentou o responsable socialista quen subliñou os “defectos moi graves” apreciados polo propio Consello de Contas no ente onde “aprecia que non existe transparencia de ningún tipo”.
De feito, o informe indica un “descontrol no manexo dos catros públicos” no que o “clientelismo” é “elemento esencial”. Así, o texto destaca que hai “facturas pagadas fóra de prazo, subvencións sen control ou contratos a dedo”.
Nesta liña, incidiu en que “o culmen é a adxudicación dos contratos e das subvencións” cando “o 80% dos contratos son menores e, dese 80%, o 70% son adxudicados sempre ás 5 mesmas empresas afíns ao PP”. “Dentro deses contratos hai empresas que acumulan 2 millóns de euros de facturación ao longo de 2018”, aseverou o socialista.
“HAI QUE POÑER PUNTO E FINAL A ESTAS POLÍTICAS”
Ao fío disto, Francisco Rivera reivindicou que “hai que poñer punto e final a estas políticas”, xa que a situación é “intolerable”, “impresentable” e “penosa”. Por iso, sinalou, “a Xunta ten que opinar” e máis cando Feijóo “opina de todo menos do que ocorre en Ourense, quizais porque hai que manter ese goberno, ese pacto cualificado como letal” por parte do propio presidente da Xunta.
Con todo isto, reivindicou que “todos os concellos de Ourense teñen o dereito de recibir fondos da deputación” independentemente da cor política da súa corporación municipal. “Eu creo que a maioría dos alcaldes e alcaldesas do PP da provincia non comparten” esta forma de proceder, considerou.
En base a estas cuestións, o responsable socialista sinalou que o PSdeG “leva denunciando moitos anos” esta situación e lembrou que no ano 2020 foron os deputados socialistas quen presentaron ante o Consello de Contas a documentación para que fiscalizase o ente provincial.
“Este labor de oposición intensa e longa no tempo non é fácil”, reivindicou Francisco Rivera, quen sinalou que o PP nesta provincia “emprega toda a súa rede político-mediática para atacar, moitas veces con saña, ás persoas que exercen oposición política na provincia, aqueles que defenden os intereses globais da cidadanía de Ourense, independentemente de quen sexa o seu alcalde”.
Finalmente, o voceiro socialista instou ás administracións a “mudar as políticas” para que haxa “unha acción pública importante”, senón a provincia “estará condenada á extinción ou ao abandono absoluto”.