O líder do PSdeG enxalza o traballo dos profesionais sanitarios que “dérono todo por defender a saúde de todos e de todas”: “O 2020 foi o ano da chegada da covid e o 2021 está sendo o ano da vacinación”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, recibiu hoxe a primeira dose da vacina contra a covid. Ás portas do Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), destacou o “éxito” da estratexia de vacinación e o traballo dos e das profesionais sanitarios.
“Son de 1975, teño 46 anos e correspondíame vacinarme hoxe en Vigo”, subliñou o máximo dirixente do socialismo galego.
Nese contexto, Gonzalo Caballero enfatizou que “o 2020 foi o ano da chegada da covid e o 2021 está sendo o ano da vacinación”, e subliñou que a receita “vacinación, vacinación, vacinación” é “a mellor garantía para gañarlle á batalla ao virus” e tamén “para poder reactivar a nosa economía, a nosa sociedade e volver á nova normalidade”.
Ademais, o máximo dirixente do PSdeG destacou a dedicación dos e das profesionais sanitarios. “Quero agradecer o seu traballo”, destacou, xa que “dende o ano pasado, traballan co maior esforzo e compromiso para defender a nosa vida e a nosa saúde”.
“A vacinación é o éxito de 2021 e corresponde que todos lle agradezamos aos e ás profesionais sanitarias a súa dedicación” cando “dérono todo por defender a saúde de todos e de todas”, concluíu.
SEGUIR COA VACINACIÓN
Por último, o líder do PSdeG reivindicou a vacina como método para “evitar enfermar gravemente” ao tempo que “se está estudando se tamén permite diminuír o nivel de transmisión e o nivel de infección”.
En todo caso, incidiu, “temos que facer un chamamento a que a vacinación siga adiante e que o fagamos coa maior celeridade” e “cumprindo coas pautas que nos indican as autoridades sanitarias”.