Xoaquín Fernández Leiceaga aposta por mellorar no Senado a tributación dos pactos sucesorios cunha redacción da norma “máis acorde co noso dereito civil e que evita os riscos de fraude”
A emenda establece con claridade que a norma non terá ningún efecto retroactivo
O coordinador da Interparlamentaria do PSdeG, o senador Xoaquín Fernández Leiceaga, vén de impulsar unha emenda á Lei de loita contra o fraude fiscal para manter a exención fiscal das herdanzas en vida cando estas sexan vendidas a partir dos cinco anos seguintes á súa transmisión.
O senador galego impulsou esta emenda no trámite do Senado deste texto lexislativo co obxecto de “mellorar a tributación dos pactos sucesorios”. Trátase, como explicou, de “darlle un tratamento fiscal máis axeitado á venda de herdanzas en vida”.
Explicou que esta solución acada un “equilibro co dereito civil galego”, conseguindo “unha solución máis acorde e máis respectuosa co noso dereito civil, pero que ao tempo evita os escenarios de risco de fraude detectados polo corpo de inspectores de Facenda”.
A nova redacción, dixo, permite que o legatario non tribute polo incremento patrimonial que supón o ben herdado se a venta non se produce ao longo dos cinco anos seguintes, ao tempo que elimina calquera dúbida de retroactividade na súa aplicación.
Xoaquín Fernández Leiceaga puxo en valor o “esforzo dos socialistas galegos para mellorar a norma” e que os presentan como unha formación “útil para os galegos e as galegas, mentres outros partidos coma o PP e o BNG quedan ancorados nunha posición inútil que elude dar resposta aos problemas”.