O coordinador da Interparlamentaria do PSdeG, o senador Xoaquín Fernández Leiceaga, acusou hoxe ao presidente da Xunta de “intentar imputarlle ao goberno actual os retrasos nas liñas do AVE” que son responsabilidade de Ana Pastor. Así o dixo na comparecencia, hoxe no Senado, da presidenta do Tribunal de Contas para presentar o informe de fiscalización da suspensión dos contratos de alta velocidade entre 2014 e 2017.
Fernández Leiceaga criticou que Feijóo permanecera “calado durante aquel tempo” de “caos compacto” responsabilidade de Ana Pastor para que, “en canto cambiou o goberno, pretender imputarlle os retrasos”.
Engadiu que “deberan sustanciarse algún tipo de responsabilidades políticas” por parte da ex ministra de Fomento logo dun informe “especialmente grave” para quen “segue ocupando responsabilidades públicas”, e sinalou que “eu iría á casa se un informe sobre a miña xestión di algo así”.
Sinalou que o informe apunta que as irregularidades na xestión provocaron a suspensión de contratos entre outras na liña Seixalbo – Ourense, facendo que o prazo inicial de un ano se multiplicara por 8. Ademais, dixo, o Ministerio só executou o 49 por cento do orzamentado ao AVE entre Madrid e Galicia.
Apunta que só o cese da ministra e do seu equipo e, despois, co cambio de Goberno, “esta enmarañada madeixa foi desenredándose, e os traballos de construción das liñas de AVE puideron proseguir con normalidade, o que permitirá que a finais de ano se abra o tráfico Madrid – Galicia”.
De acordo co informe, subliña Leiceaga, o período entre 2014 e 2017 rexistrou unha “planificación nula ou inconsistente”, e as previsións non se cumpriron tanto no investimento executado coma dos obxectivos previstos. Ademais, explica que a xestión de investimentos e dos contratos resulta “particularmente caótica”, coa suspensión de 113 expedientes que afectan a 14 das 17 liñas de Alta Velocidade.
Esta xestión tivo consecuencias “dramáticas” sobre o grao de execución das obras, derivando ademais en reclamacións de danos e prexuízos por parte das empresas, que a actual administración está a combater nos tribunais, pero que xa ten suposto que se triplicara o importe das provisións para ADIF-Alta Velocidade.
A situación, engadiu, supón que “se eu non fora un pouco inxenuo, pensaría que a intención era retrasar investimentos para intentar acomodalos a outras necesidades, ou ben tratarse de incompetencia manifesta.
As alegacións feitas no seu día pola propia ex ministra de Fomento na etapa fiscalizada, apunta, supoñen o “recoñecemento implícito a todo o que sinala o informe” e intenta “poñer a venda antes da ferida”. Acusou ao PP de intentar “verter tinta de calamar incluso con falsidades” responsabilizando a Pardo de Vera, que se incorporou ao Adif en 2016 e “non ten nada que ver con este período”.