O líder socialista formula renegociar as condicións laborais dos profesionais sanitarios, estabilizar aos que traballaran 300 días nos últimos dous anos e implementar unha xerencia de atención primaria en cada área sanitaria
A secretaria de Sanidade do PSOE, María Luisa Carcedo, subliña que “no puede haber lista de espera en la atención primaria”, como ocorre xa en Galicia, e reclama “reforzar la columna vertebral del sistema sanitario”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, presentou hoxe un plan de mellora da atención primaria en compañía da secretaria de Sanidade do PSOE, María Luisa Carcedo, e dos voceiros socialistas de Sanidade no Congreso e no Parlamento de Galicia, Ana Prieto e Julio Torrado, respectivamente.
Nunha xornada na que tamén manterán un encontro con distintos colectivos sanitarios para afondar na situación que padece a sanidade pública e, nomeadamente, a atención primaria, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que “para que haxa unha reactivación económica e social, o primeiro paso é facer unha aposta forte pola sanidade pública”. “É o que reclamamos ao presidente da Xunta”, subliñou.
Sobre todo, como dixo, porque “a estratexia de vacinación do goberno de España está sendo un éxito” para avanzar na inmunización, pero está supoñendo “máis presión” para o sistema sanitario. “Fan falta máis profesionais, medios e investimentos”, remarcou o líder do PSdeG, á vista de que Galicia é a terceira comunidade cun menor ratio de médicos por habitante e de enfermeiros por paciente.
Así as cousas, Gonzalo Caballero reclamou “sacar a concurso 5.000 prazas estables para cubrir vacantes e xubilacións e fortalecer a atención primaria”. “Ou apostamos por un modelo de contratos estables ou os profesionais seguirán fuxindo de Galicia cara outros territorios”, evidenciou.
MEDIDAS PARA MELLORAR A ATENCIÓN PRIMARIA
Neste escenario, o socialista deixou claro que “non pode ser que para conseguir unha cita co médico de cabeceira haxa que esperar ata 14 ou 15 días” nin que haxa profesionais sanitarios que encadean “ata 30 contratos nun mes”. “É unha situación aberrante pola cuestión laboral e porque debilita a calidade do sistema”, remarcou.
Fronte a isto, subliñou que “a mellor medida é a estabilización do persoal”. Así, propuxo incorporar á atención primaria un maior número de profesionais de distintas especialidades, ademais de renegociar as condicións laborais dos profesionais existentes e de estabilizar a aqueles que traballaran 300 días nos últimos dous anos.
Entre outras medidas, Gonzalo Caballero propuxo implementar unha xerencia de atención primaria en cada EOXI, promover a conexión entre os servizos de saúde mental e a atención primaria, ampliar a posibilidade de solicitude de probas diagnósticas e dispoñer de profesionais de triaxe tamén en atención primaria.
Outra das medidas formuladas polo máximo responsable do PSdeG é a aposta pola investigación sanitaria e a formación dos profesionais, de xeito que a Xunta comprometa un incremento das partidas dedicadas a estes fins se eleven un 5% cada unha ata o ano 2024.
“Temos que apostar pola sanidade pública”, reivindicou Gonzalo Caballero, quen rexeitou que o conselleiro de Sanidade asuma que faltan “dous anos para que a sanidade volva á situación na que estaba antes da pandemia”, posto que agora hai que agardar 18 días máis para unha operación e 8 máis para ver un especialista.
“NO PUEDE HABER ESPERAS EN PRIMARIA”
Pola súa banda, María Luisa Carcedo, quen foi tamén ministra de Sanidade, deixou claro que “no puede haber listas de espera en la atención primaria”, polo que urxiu que “se refuerce” o que considerou non só “la puerta de entrada” do sistema de saúde, senón “su columna vertebral”.
“Es lo que asegura la universalidad y la equidad del servicio público”, explicou a socialista asturiana, quen fixo fincapé en que agora “todos los esfuerzos tienen que dirigirse a reforzar la salud pública y la atención primaria”.
Logo de poñer en valor o “esfuerzo titánico” dos profesionais sanitarios durante a pandemia, Carcedo recordou que o goberno de España enviou ás comunidades 11.000 millóns de euros para fortalecer a sanidade e atender as necesidades sobrevidas a causa da pandemia.
“Hace falta un refuerzo estructural para que la atención primaria recupere su papel, que es importantísimo”, remarcou a secretaria de Sanidade do PSOE, convencida de que non se pode “dejar que languidezca o que pierda protagonismo”.
De feito, María Luisa Carcedo explicou que o envellecemento poboacional é “una de las razones por las que tenemos que revitalizar la atención primaria”, porque nos centros de saúde pódense atender moitas cuestións relativas á atención e o seguimento de enfermidades crónicas.
XORNADA TÉCNICA
Na xornada técnica participarán, entre outras persoas e colectivos, a presidenta da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, Susana Aldecoa, e a integrante da plataforma PACs en Loita, Elisa Ausín.
Estarán tamén o coordinador dos socialistas galegos nas Cortes Xerais, Xoaquín Fernández Leiceaga; a voceira de Política Social do Grupo Parlamentario Socialista, Marina Ortega, o senador Modesto Pose.