A viceportavoz do Grupo Socialista Paloma Castro vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias logo do anuncio, onte, do peche do centro sociosanitario Hestia Santa María de Pontevedra. Castro lamenta a “falla de sensibilidade” do goberno galego para as 50 familias de doentes ingresados neste centro, ao albur da recolocación de urxencia dos seus familiares, que a día de hoxe “non saben onde serán ingresados”.
Castro denunciou que o goberno galego estea “a mirar para outro lado” diante desta mostra das consecuencias da privatización dos servizos sociosanitarios, con 30 familias de doentes, moitos deles grandes dependentes, que “só saben que terán que ser trasladados a Vigo ou Santiago”. Critica que unha cidade de 83.000 habitantes como é Pontevedra carece de ningunha solución sociosanitaria para as persoas que necesitan destes coidados”.
Castro reclama “unha solución temporal” a todas as persoas usuarias do centro que se viron afectadas por este anuncio de peche por sorpresa, e demanda ademais “axilizar o procedemento para construír un centro sociosanitario público en Pontevedra que permita manter, como mínimo, o volume de capacidade asistencial sociosanitaria previa ao peche do Hestia Santa María”.
Explica que Santa María “estaba en fase de renovación da autorización hospitalaria, xa que forma parte do Sergas, co que tería que pasar a rexerse por criterios hospitalarios –ata agora o facía por criterios sociosanitarios-”. Esta circunstancia “pon contra as cordas” ao centro e “obriga a pechar por non poder cumprir” cos novos criterios, logo de que Sanidade informara recentemente de que non podería continuar por “deficiencias estruturais e non asistenciais”.
Castro alerta de que estas son as “consecuencias da privatización das residencias de coidados sociosanitarios levadas polo goberno de Feijóo”, con familias que “non saben onde van ir os seus familiares”, doentes que verán mermada a súa calidade de vida e 32 traballadores que terán que ser sometidos a un ERTE de urxencia.
Esixiulle ao goberno galego que “poña as pilas na sanidade pública galega” que “necesita un pulo” logo de que a crise sanitaria da covid 19 “deixara ver a terrible situación na que se atopaba a sanidade pública galega e as carencias que tiña” logo de anos de recortes polas políticas de Feijóo.