Denuncia que a moratoria da Xunta provocou unha “plantación indiscriminada” de eucalipto por todo o territorio galego
O voceiro de Medio Rural do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de alertar dunha nova macroplantación de eucalipto en terreos de protección natural en Aranga onde se ordenarán 120 hectáreas tralo “errado intento de recalificalas” para unha zona residencial e un polígono. Fíxoo, hoxe, a través dunha pregunta ao goberno galego na Comisión de Medio Rural do Parlamento.
“A explotación do eucalipto chega despois de que Aranga impulsase unha modificación puntual do plan xeral para tentar reducir a superficie de chan protexido, dado que a ampliación da Rede Natura estaba paralizada”, denunciou Seco, quen incidiu que “informes técnicos desaconsellaron o cambio e advertiron da degradación de varios dos ecosistemas pola proliferación do eucalipto”.
Ademais, o proxecto, sinalou o voceiro socialista, “admite a presenza no monte de hábitats prioritarios”, como as turberas e brezales húmidos, “considerados un escudo natural contra o cambio climático” e “sobre cuxa desprotección alerta a propia Unión Europea”. Con todo, censurou, o plan “non establece ningún uso no monte de carballos, ao entender que os terreos deben permanecer no seu estado natural e a coller actividade de carácter tradicional extensiva ou gozar e recreo”.
O responsable socialista lamentou que este novo macroproxecto chega despois de que na anterior comisión o propio voceiro socialista denunciase outra macroplantación de eucalipto aparecida recentemente no Concello das Pontes. Por iso, volveu denunciar que a moratoria da Xunta de Galicia ao eucalipto provocou unha “plantación indiscriminada” desta especie en todo o territorio galego.
“A mensaxe que se lle deu aos propietarios forestais por parte da Xunta do señor Feijóo foi a do ‘Sálvese quen poida’: aproveitade e plantade todo o eucalipto que poidades antes de que entre en vigor a moratoria e non o poidades facer”, sentenciou, o cal presupón unha forma “lamentable” de tratar o noso forestal. De feito, a plantación foi tal nestes últimos meses, lamentou, que “ata os viveiros de Galicia acabaron coas existencias de eucalipto”.
Nesta liña, Seco lamentou que a moratoria chegue “en diferido” e fose presentada “á carta”, o que abriu a veda a grandes proxectos como é o caso do da empresa Plafor, que cubrirá de eucalipto a superficie equivalente a 760 campos de fútbol en As Pontes, que é o municipio “onde existe unha maior porcentaxe desta especie”.
Por último, o deputado socialista pediu á Xunta un “desenrolo sustentable do noso monte” actuando en catro eixos: a planificación e o cumprimento da lei; a xestión forestal sostible “cunha acción política decidida que plantexe un modelo asentado na realidade”; a busca do equilibrio entre o monte e o agro; así como a busca dun reequilibrio territorial.