. “Eólicas si, pero non así”. A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Paloma Castro, empregou o lema do movemento fronte ao plan eólico da Xunta para alertar fronte ao parque eólico de Campo das Rosas, un espazo de 2.400 hectáreas cun importante patrimonio cultural e natural de Galicia. Castro presentou unha proposta en Comisión para reclamarlle á Xunta que informe do impacto do parque, pero que o PP rexeitou.
A responsable socialista alertou de que os aeroxeradores, 3 en Cerdedo – Cotobade e 5 máis nos termos municipais de Campolameiro e A Estrada, ocupan un espazo de 8 por 3 quilómetros cunha zona de petróglifos. Ademais, afecta ata a 10 cursos de auga afluentes do río Quireza, un dos principais ríos que derivan no Lérez, e afecta ao río do mesmo nome, onde viven os animais empregados para a Rapa das Bestas de Sabucedo.
Paloma Castro reclamoulle á Xunta que informe á veciñanza afectada polo futuro parque eólico, preocupada polo escurantismo que rodea ao proxecto, at o punto de que o propio alcalde, do PP, ten presentado alegacións, alertando de “importantes eivas e deficiencias”. Ademais, reclama dous informes, tanto sobre a afectación dos regatos como á rapa das bestas e aos petróglifos.
Novo modelo eólico
A parlamentaria socialista esíxelle á Xunta que pacte cos concellos e comunidades rurais un novo modelo eólico para Galicia que supoña unha aposta para a democratización do sector, elaborando un novo plan sectorial eólico de Galicia e modificando a lexislación actual. O obxectivo é mellorar a transparencia da información e xestión dos proxectos eólicos, así como dos instrumentos de participación e colaboración da Xunta de Galicia coa cidadanía e os concellos afectados.
A iniciativa socialista incorporaba garantías para o equilibro nas negociacións entre as persoas propietarias e os promotores eólicos, así como as fórmulas de repercusión económica das instalacións nos concellos e nas comunidades rurais.
Tamén defende o patrimonio cultural e patrimonial de Galicia e “a calidade de vida dos veciños e veciñas” que residen na contorna do parque eólico, incrementando substancialmente a distancia entre os muíños e as vivendas. A marxe mínima é actualmente de 500 metros, cando as instalacións xa están a acadar os 200 metros de altura, polo que “entendemos máis axeitado o criterio de moitos países europeos e outras comunidades autónomas.
Canon eólico
Reclamou que o canon sexa establecido por potencia instalada e, ademais, un reparto do fondo establecido con criterios obxectivos, que incida directamente sobre melloras nos concellos e nas comunidades locais afectadas pola instalación os parques eólicos. Esixiu un novo modelo que protexa as zonas de expansión da Rede Natura e protexa os humidais, sometendo a avaliación ambiental estratéxica o Plan Eólico de 1997 mentres non se elabore un novo plan.