Urxe ao goberno galego que reparta as contías que transferiu o goberno de España á Xunta: “Levan 45 días co diñeiro nas súas contas e aínda non foron quen de publicar a orde no DOG”
O voceiro de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, vén de censurar o bloqueo da Xunta, dende o mes de abril, aos 234 millóns de euros en axudas directas para pemes e autónomos que lle foron transferidos por parte do goberno de España para este fin. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento a través dunha pregunta oral ao goberno.
“Levan 45 días co diñeiro nas súas contas e aínda non foron quen de publicar a orde no DOG” para achegar as axudas directas a autónomos e pemes, criticou Francisco Rivera, quen sinalou que “máis alá dos anuncios na prensa”, os autónomos e as pemes “o que necesitan é liquidez”, esa “que vostedes non aportan e aporta o goberno de España, pero que vostedes teñen bloqueada nas contas da Xunta de Galicia”.
Nesta liña, o responsable socialista censurou a actitude do goberno da Xunta. “Están instalados, dende hai moito tempo, na propaganda constante e na confrontación co goberno do Estado, labor que fan con bastante eficacia”, un labor “de desgaste”, subliñou.
“Fronte a un esforzo descomunal a nivel económico por parte do goberno do Estado durante a pandemia, a reacción da Xunta de Galicia é lenta, ineficaz e pouco efectiva”, censurou o responsable socialista quen lamentou que, “a pesar da inxección masiva de fondos” que permite a Xunta ter un orzamento “expansivo”, “o maior da historia da autonomía”, o goberno galego “apenas leva comprometidos 150 millóns de euros en axudas directas a autónomos e pemes nos anos 2020 e 2021”, unha contía que é “absolutamente insuficiente”.
Con todo, Francisco Rivera pregou ao goberno galego: “Páguenlles dunha vez”, xa que autónomos e pemes “están pasando unha situación dramática”.