Begoña Rodríguez Rumbo considera que “é o momento” de iniciar o debate sobre un II Pacto Local” cando “pasaron 15 anos dende a súa sinatura” e a Xunta emprega un “sistema caciquil” para repartir os fondos aos concellos da súa mesma cor política
O PP vén de vetar a iniciativa socialista para actualizar o Pacto Local de Galicia. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, logo de votar en contra dunha proposición non de lei do PSdeG neste senso que fora debatida na xornada de onte.
Así, a voceira de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, urxiu á Xunta de Galicia a “iniciar o debate” sobre un II Pacto Local de Galicia no seo da Comisión Galega de Cooperación Local, xa que “o PP ten que decidir se é un partido municipalista ou se prefire o dedado e o reparto discrecional”.
Pasados 15 anos da súa sinatura “sen que se teña desenvolto na súa totalidade”, a voceira de Orzamentos do Grupo Socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, sinalou que “é o momento” de actualizar o Pacto Local para establecer “claramente” as competencias de cada administración, así como “a suficiencia financeira” para levalas a cabo.
“O Grupo Parlamentario que sustenta o goberno en Galicia debe decidir se realmente son un partido municipalista ou se van permitir que, novamente, os concellos galegos sexan os irmanciños pobres dentro da estrutura da administración”, reivindicou, nesta liña, a responsable socialista.
Con todo, Rodríguez Rumbo enxalzou o papel dos municipios galegos que “tiveron que atender á súa veciñanza” durante a pandemia “asumindo os custes de competencias propias da Xunta” en áreas como educación, sanidade ou políticas sociais.
Fronte a isto, lamentou, “no canto de poñerse ao carón do goberno do Estado e dos concellos sumando esforzos para loitar todos xuntos e saír o máis axiña posible desta tripla crise, a Xunta decidiu unir esforzos con outros gobernos da súa mesma cor política, liderados pola súa homónima madrileña, a señora Díaz Ayuso, para crispar, entorpecer e criticar ante unha situación de tanta gravidade xamais coñecida”.
De feito, a pesares dos fondos recibidos pola Xunta “que para o orzamento de 2021 supuxo un incremento duns 1.500 millóns de euros, o goberno galego non ten distribuído nin un só euro para que os concellos galegos puidesen facer fronte aos gastos ocasionados nos seus territorios para evitar a propagación do virus”.
Por todo isto, subliñou, “os deputados e deputadas do PP deben decidir se seguen en contra do municipalismo galego ou se, dunha vez, van permitir que os concellos galegos reciban un financiamento máis axeitado ás necesidades orzamentarias que teñen para prestar, con estándares de calidade, os servizos da súa competencia, a través dunha lei pactada coa Fegamp”, tal e como solicita a propia federación.
Nesta liña, Rodríguez Rumbo urxiu a actualización do Pacto Local, asinado en xaneiro de 2006, cando a distribución de fondos públicos por parte da Xunta realízase a través dun “sistema caciquil de dedado” que “favorece a algúns dos gobernos locais que son da súa mesma cor política”, sen que isto reverta o “desequilibrio territorial” en “infraestruturas físicas, económicas e sociais” dos concellos galegos.