Alerta de que a “inacción” da Xunta provocou que moitas das estruturas culturais “estean en perigo”
A voceira de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz vén de pedir á Xunta un “cambio de paradigma” no modelo cultural galego, así como unha “estratexia global” para apostar a reactivación cultural de Galicia. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Cultura do Parlamento, trala comparecencia do director xeral de Cultura.
“O sector leva vivindo un ano de suspensións, adiamentos e incertezas”, alertou Díaz, logo de censurar a falla de estratexia da Xunta en política cultural, o que provocou que moitas das estruturas culturais “estean en perigo”, polo que “é necesario unha aposta decisiva pola cultura como unha das liñas de actuación principais como motor de recuperación económica”.
Na liña disto, Díaz lamentou que a Xunta fíe “toda a estratexia cultural galega” ao Xacobeo, “un evento seguro que vai aparecendo cada x anos”, pero que, “malia ser un estímulo, non deixa de ser algo efémero”. “A cultura é moito máis que unha sorte de eventos que son programados en diversas etapas do ano”, sentenciou.
Así a todo, censurou o “abandono” que senten as e os profesionais dos arquivos e das bibliotecas; a falla de estratexia para o sector do libro, que “continúa a arrastrar os efectos da crise económica de 2008”; a “degradación” do patrimonio ante a “inacción” da administración galega; o “malgasto” de recursos que supón “a falla de estratexia” sobre a Cidade da Cultura e outros museos como o CGAC, que “están deixando esmorecer”; ou o desleixo sobre o sector das artes escénicas, que “segundo todos os estudos é quen peor está a soportar as consecuencias da pandemia”.
Ademais, Díaz tamén lembrou a “falla de preocupación e interese” sobre o Centro Coreográfico Galego; a falla de impulso sobre o sector da danza ou as “inexistentes” liñas de apoio para o fomento e fortalecemento da cultura de base, “necesaria especialmente no eido da música e da danza tradicional”; así como a “precariedade estrutural” do sector da música popular ao vivo, dende o que “apuntan graves consecuencias económicas” derivadas da covid.
Ao fío disto, a socialista referiuse o documento de traballo recentemente publicado polo Consello da Cultura Galega no que achega propostas para a aplicación dos programas de estimulo do sector e “no que queda constancia” que “é certo” o que “o PSdeG leva tempo argumentado: hai moito que mellorar”.
Con todo isto, Díaz pediu unha “estratexia global” para a cultura galega que sirva “verdadeiramente” para a súa reactivación. Ademais, pediu á Consellería de Cultura que elabore un calendario “estable” de convocatorias dos programas e subvencións públicas” cunha xestión transparente e unha adecuación dos tempos ao resto de convocatorias estatais e europeas, xa que na actualidade existen multitude de trámites burocráticos e convocatorias fóra de tempo e forma.
Finalmente, a deputada socialista instou ao goberno galego a “centrarse en políticas a longo prazo” para protexer a cultura como “actuación social de carácter preferente”, sendo ademais un eido económico que xera valor e emprego.
Por iso, pediu “a profesionalización do sector, a súa internacionalización, facelo máis sostible acorde aos tempos actuais; apoiar a cultura base, democratizar as institucións e facelas máis transparentes; loitar contra a precarización”; así como apostar polo “verdadeiro e continuo” diálogo e consenso co sector.