A parlamentaria socialista Leticia Gallego visitou hoxe A Guarda, onde mantivo un encontro co seu alcalde, Antonio Lomba, para anunciar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamar na Cámara autonómica a cobertura das vacantes do Centro de Saúde, incluíndo o servizo de Pediatría. Os socialistas reclama tamén unha ambulancia medicalizada que dea servizo ao concello e toda a súa área.
Gallego mantivo un encontro co rexedor municipal, xunto con profesionais do Centro de Saúde e membros do goberno local, que explicaron que a falla de cobertura das ausencias de profesionais médicos derivadas de baixas, vacacións ou xubilacións provoca unha “fonda saturación” dos profesionais. A sanidade do concello, dixo Gallego, está ao borde do “colapso” con só a metade do persoal habitual de médicos dispoñibles. Actualmente contan con 4 médicos dun total de 8, que no pasado mes de outubro reducíronse a 3.
Sinala que a saturación do persoal “é extrema” por canto deben dar cobertura tanto á súa axenda como á xestión dos resultados das PCR realizadas, así como o control dos casos sospeitosos de covid 19 nos colexios. Sinala que “non hai médicos de familia suficientes para atender á poboación, e esta situación leva máis dun ano sen solución, o que prexudica a atención e a oferta asistencial da veciñanza”.
A situación esténdese tamén a servizos como o de Pediatría, que agora mesmo conta con dous profesionais médicos, pero “en setembro só estivo unha pediatra, e a outra praza non se cubriu ata abril”. Ademais, como vén de quedar de baixa a pediatra que atende aos nenos e nenas de O Rosal e Oia, os dous pediatras de A Guarda teñen que cubrir o servizo de Pediatría destes cativos e cativas.
Engade que “a mala situación da sanidade na Guarda afecta tamén á inexistencia dunha ambulancia medicalizada na zona, unha vella demanda que aínda segue sen cumprirse”. Reclama por iso a dotación dunha ambulancia medicalizada con base no Concello e que poida dar asistencia a toda a área de influenza.
Lembra que, logo dunha sesión parlamentaria no pasado mes de novembro, o xerente do Sergas anunciara que resolvería a situación coa incorporación de máis facultativos á semana seguinte. Sen embargo, este compromiso traduciuse en “poñer un médico pola tarde no PAC”, unha medida que “non resolve o problema”, xa que no centro de saúde “seguen sen médicos polas tardes, e polo tanto os veciños e veciñas non teñen consultas ordinarias na quenda de tarde”.