O líder do PSdeG advirte que as partidas fundamentais para milleiros de profesionais “non poden estar gardadas nas mans do conselleiro de Economía”
O secretario xeral apunta que o informe de calidade dos gobernos autonómicos da Universidade de Gotemburgo sitúa a Galicia á cola de España, demostrando a realidade dun goberno “desbordado e superado”
Santiago de Compostela, 31 de maio de 2021. O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que desbloquee “xa” os 234 millóns de euros que lle entregou hai tres semanas o goberno de España para dar axudas directas a pemes e autónomos. Apuntou que estes fondos deben estar “nos petos dos galegos e non nas mans do conselleiro de Economía” nin un día máis.
En rolda de prensa, Gonzalo Caballero sinalou que o novo horizonte marcado pola vacinación xeneralizada, cumprindo os prazos dados polo goberno de España de inmunizar un 70% da poboación de cara ao verán, obrigan á Xunta a “facer os deberes” e poñer tódolos medios para garantir liquidez e ingresos diante dun novo impulso na desescalada.
Neste senso, o líder socialista recalcou que a Xunta ten a obriga de facer chegar eses 234 millóns de euros aos profesionais aos que están destinados, polo que esixiu ao goberno galego que abandone a política de “brazos caídos” e “resolvan xa”.
A propia vicepresidenta económica do goberno de España, dixo, confirmoulle en persoa esta transferencia, que supón “o maior paquete de axudas directas da pandemia”, e que contrasta cos 140 millóns de euros que a Xunta adicou a ese mesmo fin “en toda a pandemia” a pesares dos seus esforzos en “propaganda”.
Así pois, Gonzalo Caballero criticou que o goberno galego estea “ausente” e que non cumpra coa entrega dos fondos. “Está desbordado, superado, sen a competencia nin a calidade suficiente para liderar a recuperación”, incidiu, á vista do recente informe sobre os gobernos subnacionais realizado polo Instituto de Calidade dos Gobernos da Universidade de Gotemburgo.
GALICIA, 14 DE 17 EN CALIDADE DO GOBERNO AUTONÓMICO
Este informe, como apuntou, sitúa a Galicia no posto 14 das 17 comunidades de España en canto á calidade do seu goberno autonómico analizando cuestións como a imparcialidade pública, a corrupción institucional ou calidade dos servizos públicos, sinaladamente a sanidade e a educación.
“Necesitamos un goberno eficiente, eficaz que garanta a calidade dos servizos públicos”, remachou Caballero, crítico con que a Xunta “suspende nas políticas de reorientación económica do país” á vista dun informe independente.
Esta situación, engadiu, abunda no “desastre” confirmado polo Consello de Contas, que vén de rexeitar as contas da Deputación de Ourense. O ente presidido por Baltar segue abusando dos contratos menores: ata o 80 por cento son concedidos “a dedo” para eludir o control democrático, recordou Gonzalo Caballero.