A portavoz de Igualdade e representante do PSdeG na Comisión de Control da CRTVG, Noa Díaz, alertou hoxe do “desleixo” no ente público con relación á igualdade. Díaz denunciou en Comisión parlamentaria que un curso online para previr situacións de acoso laboral recomenda “respecto á autoridade, xerarquías e competencias profesionais” e “non falar cos medios de comunicación”.
Así o dixo no debate dunha pregunta oral sobre o “desleixo da CRTVG en materia de igualdade”, que supón o incumprimento da Lei de Medios Públicos por parte da TVG, que ademais fai caso omiso das recomendacións sobre o tratamento de casos de violencia machista nos medios de comunicación públicos. Como exemplo presentou este curso obrigatorio que é anunciado cunha imaxe centrada en varias pernas de muller.
Díaz denunciou a “reincidencia” destas situacións na canle pública galega no tratamento da violencia machista e mesmo “reproducindo estereotipos propios do machismo máis rancio”. Evidencia, dixo, que “non existe absolutamente ningún tipo de control sobre os seus contidos e ningunha sensibilidade nin formación neste sentido das persoas que son as voces e as caras que nos acompañan a diario nas nosas casas”.
Quen anda aí
Se hai semanas era o Land Rober quen utilizaba o programa para interceder a favor da ex parella acosadora dunha muller do público, desta volta apuntou o sucedido no debate do “Quen anda aí” do pasado 28 de abril sobre a violencia vicaria que se está a tratar nunha docuserie dunha cadea estatal. Á marxe da situación particular, lembrou que os participantes no debate chegaron a cuestionar o que cobrara a muller vítima protagonista polo programa sobre a súa situación e o destino dese diñeiro.
Advertiu que ninguén cuestionou que fixeran xuízos de valor sobre esta persoa, que cualificaron de “violencia doméstica”, cuestionando o seu aspecto físico e a súa traxectoria vital, un “esperpento que rematou con risas no plató sen que ninguén alertase en ningún momento do que se acababa de escoitar”. Advertiu que “ninguén apelou polo respecto polas mulleres vítimas de malos tratos e moito menos desculpase o tratamento frívolo e inadmisible desta problemática”.