Vostedes alaban aos profesionais sanitarios pero á hora da verdade desprezan o maior talento que temos: un pouco como Luis Enrique con –Iago- Aspas”. Con este símil futbolístico resumiu o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, a xestión da Atención Primaria por parte do goberno galego, cando “falan moi ben dos profesoinais pero despois os desprezan”.
Torrado empregou a decisión do seleccionador do equipo de fútbol de España de deixar fora da Eurocopa ao delanteiro do Celta de Vigo para afear a xestión da Sanidade por parte da Xunta, que deixan sen recursos de persoal nin materiais. A intervención xurdiu no debate dunha pregunta oral na Comisión de Sanidade do Parlamento, na que Torrado reclamoulle á Consellería de Sanidade que retire os acordos de xestión sanitaria impostos por eles e que os consensúen cos profesionais.
O responsable socialista dixo que “se lles vai gastar a demagoxia de tanto usala”, antes de explicar que Sanidade descarga sobre os sanitarios a responsabilidade dunha decisión que foi imposta sen negociar pola propia consellería.
Explicou que “alimentaron unha idea perversa sobre a actitude e funcionamento dos centros de primaria e promoveron unha visión negativa dos profesionais para librar supostas responsabilidades da dirección da Consellería”. Estes acordos afectan a decisións sobre presencialidade “que non dependen dos profesionais”, co que “transmiten unha idea delirante do funcionamento dos centros de saúde”.
Advertiu de que a Consellería “non mellorou en nada”, e mesmo “perpetúa un problema de mala xestión” derivada da súa negativa a reforzar a sanidade pública. Reclamou “menos falar por falar e intenten facer ben o seu traballo”, logo de constatar que “primeiro loan o traballo dos profesionais para, a continuación, culparlles das cousas que fai mal a Consellería”.
Responsabilizou así á Consellería de ter transmitido a idea de que os centros están pechados “ou de que son os médicos e médicas quen non quere atender en Primaria”, deteriorando a súa imaxe e xerando unha fenda entre Atención Primaria e Hospitalaria, dividindo ao persoal e confrontando entre profesionais do sistema, o que cualificou de “inaceptable”.
Lamentou que o goberno galego escolla dividir aos profesionais e expoñelos a unha análise e culpabilidade inxustas en troques de “explicar correctamente o funcionamento do sistema e de dotar os medios persoais e materiais para que poida ser retornada a presencialidade aos niveis que sexan mellores”.