ablo Arangüena censura que o documento para o “pacto de estado por Ferrol”, elaborado pola Xunta, “é unha carta aos Reis Magos”, ao igual que a listaxe de proxectos para os fondos europeos
O vicevoceiro socialista lémbralle ao PP que a construción das fragatas F-110 “retrasouse dous anos polos mísiles que o ex ministro Morenés quería colocar nas fragatas para favorecer á súa ex empresa”
O PP vén de vetar unha iniciativa socialista para impulsar un plan de promoción e reactivación económica das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal “para compensar o impacto económico da pandemia e reactivar o tecido produtivo”. Fíxoo, hoxe, logo de votar en contra dunha proposición de lei do Grupo Socialista neste senso.
O vicevoceiro do Grupo Socialista, Pablo Arangüena, criticou a “evasión de responsabilidades” da Xunta de Galicia con respecto a Ferrol cando dispón das “competencias plenas e exclusivas” en política industrial e de promoción económica. Así, lamentou as “promesas incumpridas” do goberno galego con respecto á comarca cando, de 13 compromisos adquiridos en 2009, 12 anos despois, “poderíamos dicir que só cumpriu 2 e medio”.
De feito, tendo en conta que “non hai mellor indicador da vitalidade dunha cidade que a súa poboación”, sinalou, no período de goberno do PP de Feijóo, o municipio perdeu 8.713 habitantes, o que supón “a perda de poboación máis acelerada” da súa historia.
Nesta liña, o vicevoceiro socialista lembroulle ao PP que a construción das fragatas F-110 “retrasouse dous anos polos mísiles que o ex ministro Morenés quería colocar nas fragatas para favorecer á súa ex empresa”.
“Bótenlle a culpa ao goberno central do que pasa en Galicia ou en Ferrol, pero vostedes saben que menten”, apelou o vicevoceiro do PSdeG no Parlamento, logo de enunciar a “preocupante” situación que está a vivir o sector industrial nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.
UN PACTO DE ESTADO QUE É “UN CÚMULO DE PEROGRULLADAS E INCONCRECIÓNS”
O responsable socialista censurou que “o documento para un pacto de estado por Ferrol é unha carta aos Reis Magos”, ao igual que a listaxe de proxectos para os fondos europeos. Así, lamentou que o texto é “un cúmulo de perogrulladas e inconcrecións”, no que destacan que “teñen 100 medidas”, pero “eu dígolles que son de risa”.
”Non poden vestir o escapismo e a inacción de oferta de pacto de estado porque quen ten a competencia exclusiva para facer política industrial son vostedes”, sentenciou. Malia todo, subliñou Arangüena, neste labor, a Xunta “vai atopar total receptividade na administración estatal e nas administracións locais para levar adiante calquera iniciativa positiva para a comarca”.
“OPACIDADE” E “FALLA DE TRANSPARENCIA”
Finalmente, o vicevoceiro socialista criticou a “opacidade” e a “falla de transparencia” da Xunta con respecto á xestión dos proxectos europeos. Por iso, instou á Xunta de Galicia “a que se remangue” e “fale coa sociedade civil e co resto das administracións”.
“Non aposten polo ‘canto peor, mellor’ no que parecen instalados dende que cambiou o goberno de España e exerzan as súas competencias en materia de política industria e de promoción económica porque teñen todas as do mundo e poden facer moitísimo máis con elas do que se fixo nos últimos 11 anos”, concluíu.