O secretario xeral require máis persoal para fortalecer a vacinación, a presencialidade e a atención primaria fronte ao modelo de “atención telefónica” e o aumento de listas de espera: con máis sanidade podemos “abrir o grifo” da desescalada con seguridade
O voceiro de Sanidade do PSdeG no Parlamento, Julio Torrado, chama ao Sergas a deixar de funcionar como “a peor das ETT” e sumar á cobertura das mil xubilacións anuais “un esforzo” de contratación
A voceira de Sanidade do Grupo Socialista no Congreso, Ana Prieto, destaca o avance da vacinación: máis dun terzo da cidadanía xa recibiu “unha dose de esperanza” e a poboación de máis idade “xa está inmunizada”
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, abordou hoxe a necesidade de “apostar polo fortalecemento da sanidade pública” para superar así as “eivas” consecuencia de 11 anos de goberno de Feijóo e afrontar “os retos” que trouxo consigo a pandemia.
Así, o líder do PSdeG, quen compareceu ante os medios en compañía dos voceiros socialistas de Sanidade no Congreso e no Parlamento, Ana Prieto e Julio Torrado, respectivamente, defendeu a necesidade de xerar 5.000 novas prazas sanitarias no Sergas durante esta lexislatura. “Temos que rachar co círculo de debilitamento que instaurou Feijóo na nosa sanidade pública”, recalcou.
Gonzalo Caballero explicou que a proposta ten como obxectivo superar un número de traballadores que xa era “insuficiente” no Sergas antes da chegada da covid e que agora, por mor da campaña de vacinación, está supoñendo falla de persoal nos centros de saúde e un incremento das listas de espera.
Ademais, deixou claro que “non se pode substituír a atención presencial pola atención telefónica”, polo que ofreceu “un gran acordo de país” para dotar á sanidade pública de “máis persoal estable”. Ao fío disto, subliñou que “é un erro” que a Xunta tente agora “castigar” aos médicos retirándolles pluses da nómina: “a solución é contratar máis profesionais”.
Sobre todo, como dixo o máximo responsable do socialismo galego, porque “o fortalecemento da sanidade pública é unha débeda de Feijóo cos galegos e coas galegas” e porque “a vacinación fronte á covid veu para quedar”. “E é a esperanza para poder enfrontar unha desescalada con garantías”, remachou.
DESESCALADA
En relación con isto, Gonzalo Caballero aludiu ao modelo asturiano para requirir á Xunta que “fortaleza a sanidade pública e o sistema de vacinación” e que afonde na desescalada. “É o momento de avanzar”, apostilou, partidario de “abrir o grifo” á vista do ritmo coas vacinas: “sempre con prudencia, pero avanzar”.
En concreto, o dirixente socialista avogou por permitir ao conxunto da hostalería abrir ata a unha da mañá e por autorizar reunións de máis xente nos domicilios, toda vez que Galicia é actualmente a comunidade con máis restricións.
“Nós sempre fomos responsables e non cuestionamos as normas nin as restricións, porque somos partidarios da prudencia en momentos complexos, pero a extensión da vacinación abre unha fase distinta e temos que debater sobre a reactivación económica e social”, argumentou Caballero.
Precisamente por iso, botou en falta “máis reflexos” na Xunta á hora de permitir a ampliación dos horarios da hostalería. Máxime, como dixo, cando a decisión da semana pasada de autorizar a apertura só dos establecementos que sirvan ceas tenta ser un “pequeno arranxo que non soluciona nada”.
“A PEOR DAS ETT”
Pola súa banda, o voceiro de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Julio Torrado, deu conta dunha recente sentenza contra o Sergas por contratar de xeito irregular a unha enfermeira, á que daba de alta os luns e despedía sistematicamente os venres, e que se suma a outras moitas condenas por “contratación abusiva e fraudulenta”.
“O Sergas non pode funcionar como a peor das ETT”, advertiu o deputado socialista, quen xustificou como “perfectamente viable e lóxica” a creación de 5.000 novas prazas para a sanidade pública galega ao longo desta lexislatura.
Sería, tal e como apuntou, “un pequeno esforzo” a sumar á cobertura das mil persoas que xubilan anualmente no Sergas e a fórmula para corrixir uns niveis de eventualidade que superan “o 30 ou o 35% en moitas categorías laborais, como a de enfermaría”, cando a recomendación europea é “non superar o 8%”.
Por iso, Julio Torrado plantexou que se habilite a fórmula legal que sexa precisa para incorporar ao cadro de persoal do Sergas aos traballadores que teñan encadeado contratos eventuais durante máis de 300 días ao longo dos dous últimos anos.
“Confirmaríase así que a súa contratación non obedece a unha situación de necesidade puntual nun servizo, senón estrutural”, resumiu o parlamentario vilagarcián, quen evidenciou que frear “o comportamento cicatero cos dereitos laborais” do Sergas redundaría tamén “en beneficio dos usuarios da sanidade pública”.
AVANCE NA VACINACIÓN
Pola súa banda, a voceira de Sanidade do Grupo Socialista no Congreso dos Deputados, Ana Prieto, puxo en valor a estratexia de vacinación desenvolvida polo Ministerio de Sanidade, pola cal máis dun terzo de persoas en España teñen recibido cando menos “unha dose de esperanza” e agárdase que se acade a inmunidade de grupo neste verán, co 70% da poboación vacinada. Esta estratexia permite que comunidades con poboación envellecida como a galega teñan xa a máis do 40% da súa cidadanía con polo menos unha dose administrada.
Ademais, a parlamentaria do PSdeG resaltou que a totalidade da poboación de maior idade está vacinada e que a letalidade nas residencias de maiores descendeu “case un 100%”.
En paralelo, no que atinxe a Galicia, a socialista lucense apuntou que “máis de 1.100.000 persoas” contan xa cunha dose da vacina fronte á covid, polo que aproveitou a súa comparecencia ante os medios para “recoñecer o traballo dos profesionais” do Sistema Nacional de Saúde baixo o liderado do Ministerio de Sanidade.