O secretario xeral destaca que “deron o do de peito” en cuestións nas que a Xunta “non exerceu as súas competencias” e incluso “recortou fondos aos concellos”
O presidente da Fegamp, Alberto Varela, reclama á Xunta “fondos extra para atender as necesidades dos nosos veciños”, porque “temos un papel moi importante” á hora de prestar os servizos
A vicepresidenta da Fegamp, María Barral, subliña que os concellos socialistas “traballamos para evitar que alguén quede atrás” como consecuencia desta pandemia
Santiago, 22 de maio de 2021. O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo cos alcaldes e alcaldesas socialistas que forman parte do consello federal da Fegamp, encabezados polo seu presidente, Alberto Varela, e a súa vicepresidenta, María Barral, baixo o lema ‘Concellos progresistas para a reactivación’.
Cando entramos no ecuador do mandato municipal, Gonzalo Caballero reivindicou o “compromiso municipal” do PSdeG, na medida en que os alcaldes e alcaldesas socialistas -que gobernan ao 55% dos galegos e galegas- levan adiante “políticas sociais e políticas para a reactivación económica e a xeración de emprego”.
Ademais, no contexto da pandemia que estamos a vivir, o líder do PSdeG puxo en valor que os alcaldes e alcaldesas socialistas “aprobaron cun sobresaínte”, cubrindo as eivas dunha Xunta que “estivo de perfil” en tantas cuestións e que chegou a “recortar os fondos” para os concellos a pesares de recibir contías extraordinarias do goberno de España para afrontar a covid.
“Durante moitos meses a Xunta non deu información detallada aos concellos sobre os contaxios, recortoulles os fondos e deulles as costas, dando así as costas á cidadanía”, remarcou Gonzalo Caballero, quen contrastou esta actitude co feito de que “os galegos e as galegas poden confiar nos alcaldes e alcaldesas socialistas no reto de sacar a Galicia adiante”. “Estiveron e están á altura das circunstancias, traballando polos seus veciños e veciñas durante toda esta pandemia”, valorou.
Por iso, o dirixente do PSdeG reivindicou aos alcaldes e alcaldesas socialistas como “os mellores aliados de Galicia para a reactivación”. “Deron o do de peito onde a Xunta non exerceu as súas competencias”, destacou, ao tempo que advertiu que “non é de recibo” que o goberno de Feijóo “tente afogalos” economicamente logo de recibir este ano máis de 1.200 millóns de euros extra do goberno de España.
“A XUNTA NON CUMPRE EN POLÍTICA SOCIAL”
Como exemplo da denuncia de que “a Xunta non cumpre”, o máximo responsable do socialismo galego puxo sobre a mesa as políticas sociais, de competencia autonómica.
“Instamos á Xunta a que reforce as políticas sociais inmediatamente e que incremente o financiamento das horas do servizo de axuda no fogar: é necesario que asuma que ten que pagar para que as persoas con dificultades teñan axuda no seu domicilio”, recalcou Gonzalo Caballero, consciente de que os concellos non poden asumir todo aquilo que a Xunta non fai.
“A MELLOR APOSTA PARA SACAR GALICIA ADIANTE”
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG indicou que, logo dunha primeira metade do mandato municipal marcado pola crise da covid, os dous anos seguintes teñen que ser “os da reactivación”.
“E os alcaldes e alcaldesas socialistas son a mellor aposta para sacar Galicia adiante”, proclamou, antes de propoñer “un gran acordo para a reactivación que conte co municipalismo”. Máxime, como dixo, porque a Xunta “vai a ralentí” sen aproveitar todos os fondos e posibilidades que ten á súa disposición.
ALBERTO VARELA
Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía e presidente da Fegamp, Alberto Varela, remarcou o “papel moi importante” que tiveron e teñen os concellos na loita contra a pandemia, e criticou que a Xunta negarase a dar información detallada sobre os contaxios en cada municipio e a coordinar as actuacións coas que son as administracións máis cercanas á xente.
Fronte a isto, destacou “a clara vocación municipalista” do Partido Socialista, amosada na reforma da lei de bases do réxime local ou no desbloqueo do uso dos remanentes municipais.
De cara á Xunta, reclamou á “fondos extra para atender as necesidades dos nosos veciños” e “participación directa” nos fondos extraordinarios que está recibindo o goberno galego. Sobre todo, como subliñou, porque os concellos están asumindo moitas competencias que non lles son propias.
MARÍA BARRAL
Do mesmo xeito, a alcaldesa de Betanzos e vicepresidenta da Fegamp, María Barral, subliñou que os concellos socialistas “traballamos para evitar que alguén quedase atrás” como consecuencia desta pandemia.
“Demos un paso á fronte e puxemos en marcha políticas sociais de emerxencia, e tamén de axuda ao comercio e á hostalería, porque as familias o están pasando moi mal”, apuntou.