A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, Noa Díaz, emprazou hoxe á Xunta a acadar un acordo con tódalas administracións para garantir que ningunha muller vítima de violencia machista quede sen prestación por motivos burocráticos. A responsable socialista presentou esta proposta na Comisión Institucional do Parlamento, pero non saíu adiante polo “incomprensible” voto en contra do PP.
Díaz reclamáballe á Xunta que tomara a iniciativa para fixar un protocolo de actuación entre as distintas administracións. O obxectivo era que “ningunha muller vítima de violencia machista quede sen a prestación correspondente por razóns burocráticas ou por incumprimento derivado do seu descoñecemento ou por que a situación de violencia lle impida cumprir os requisitos”.
A responsable socialista replicoulle ao PP –que antes cuestionara as cifras de vítimas que perderan as prestacións- que “non son números, son mulleres vítimas”, e reivindicou que “preocúpanos, aínda que fora unha única muller a que se quedara fora das axudas por descoñecemento”. Reclamou o traballo de “tódalas administracións unidas e traballando cóbado con cóbado para que nin unha soa muller vítima se sinta abandonada polas administracións”.
Díaz salientou o traballo dos profesionais das administracións que apoian ás mulleres vítimas, e puntualizou ademais que “non poñemos en dúbida os requisitos” para acceder a estas axudas, agás que teñan que acreditar o cese da convivencia co agresor nos doce meses anteriores a presentar a solicitude. Explicou que “estamos pedindo que rematen coa relación antes de recibir unhas axudas que precisamente necesitan para rematar con esa relación”.
Noa Díaz puxo o acento nas denegacións das prestacións -concedidas en base á Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero de 2007- que teñen que ver con “causas que obedecen máis a cuestións burocráticas que a incumprimentos”. Apuntou que cerca da metade das prestacións denegadas “poderían ser admitidas se existira unha maior coordinación entre as administracións”.
Sinalou que “ao Grupo Parlamentario do PSdeG preocúpanos que haxa sequera unha muller en Galicia que non cobre a prestación á que ten dereito porque se vexa superada pola burocracia”, precisamente nun momento no que están “nunha situación de vulnerabilidade e desánimo tal que o exceso de burocracia fainas desistir da solicitude de axudas, sexan do tipo que sexan”.