A portavoz de Función Pública do Grupo Socialista, Paloma Castro, levou hoxe á Comisión de Administración Pública do Parlamento unha pregunta oral sobre as irregularidades denunciadas nas oposicións a Psicólogo e Traballador Social celebradas pola Xunta en marzo.
Paloma Castro denunciou a “falla de respecto total” amosada pola Consellería de Facenda cara ás profesións, así como polos opositores, que viron como as probas “incumprían os criterios mínimos esixibles”, con preguntas cheas de imprecisións, mal formuladas, sobre materia fora de temario, e con preguntas impropias sen contextualizar.
Ademais, vulneraron o principio de igualdade ao repetir máis dunha decena de preguntas no exame celebrado días despois para os opositores que tiveron que facelo noutra data por atoparse en illamento ou corentena. Finalmente, denunciaron que na convocatoria non especificaban os criterios de corrección, e que unha vez foron publicados resultaron “incomprensibles e cheos de contradicións”.
A responsable socialista reclama “criterios que impidan a arbitrariedade dos examinadores”, garantindo que os membros do tribunais sexan “persoas cualificadas e con coñecementos sobre a materia obxecto da oposición”. Chamou a evitar a situación daquelas probas, cuns tribunais sen persoas coa formación específica de cada unha das especialidades que se estaban a examinar.
Lembrou que a propia normativa establece os principios de imparcialidade e profesionalidade, ademais de tender á paridade. Sen embargo, no exame de Traballadores Sociais só había dúas traballadoras sociais, ámbalas dúas nomeadas polos concellos e non pola Xunta, mentres nas de Educadores e psicólogos non había ningún membro con dita categoría profesional, e no de Terapia Ocupacional tan só un.
Castro reclamoulle ao goberno galego que “poña máis interese nos próximos procesos selectivos para que se desenvolvan correctamente”, sinaladamente logo de que o conselleiro de Facenda animara hai uns días a facer oposicións porque as xubilacións “van chegar de mil en mil”.