O PP VETA A INICIATIVA SOCIALISTA PARA ESTABLECER CRITERIOS OBXECTIVOS DE REPARTO E CONCORRENCIA COMPETITIVA EN RELACIÓN A SUBVENCIÓNS, CONVENIOS OU OUTRO TIPO DE AXUDAS DA CONSELLERÍA DE MEDIO RURAL
Rodríguez Dacosta acusa á Xunta de “prácticas decimonónicas caracterizadas polo uso de fondos públicos con intereses partidistas”, o que xera “desigualdades” entre municipios
O PP vén de vetar unha iniciativa socialista para “establecer criterios obxectivos de reparto e concorrencia competitiva en relación a subvencións, convenios ou outro tipo de axudas” tramitadas pola Consellería de Medio Rural. Fíxoo, hoxe, no Parlamento de Galicia, tras votar en contra dunha proposición non de lei do Grupo Socialista.
A voceira de Agricultura do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, acusou á Xunta de levar a cabo “prácticas decimonónicas caracterizadas polo uso de fondos públicos con intereses partidistas”, logo de coñecer a cesión de tractores, rozadoiras e trituradoras para o mantemento de camiños e estradas municipais e xestión da biomasa, que se realizou no mes de marzo por parte da Consellería de Medio Rural.
Así, a responsable socialista esixiu ao goberno galego que “corrixa de inmediato esta práctica antidemocrática que, por desgraza, estase a converter en norma habitual na forma de xestionar a Consellería de Medio Rural”. Deste xeito, Rodríguez Dacosta censurou que a Xunta evite cumprir a lei “sen establecer criterios obxectivos de reparto e concorrencia competitiva”.
Logo de denunciar o pasado 4 de decembro un convenio entre Medio Rural e a Deputación de Ourense “que favorecía a nove concellos”, agora “reparten 13 vehículos especializados entre os concellos de Lousame, Ordes, Padrón, O Páramo, As Nogais, Pontón, Monterrei, Rairiz de Veiga, Toén, e as mancomunidades do Ribeiro e de Ourense, Arbo e Moraña”.
Neste marco, censurou, “agás o Concello de O Páramo, gobernado por independentes, o resto son concellos gobernados polo PP, mentres unha das mancomunidades aglutina 5 concellos da mesma cor política e a outra ten 8 concellos do PP, 1 do PSdeG e outro do BNG”.
Por todo isto, Rodriguez Dacosta instou a “clarexar” os criterios empregados para a asignación destes recursos aos concellos, ademais de pedirlles que presenten as solicitudes ou peticións dos concellos que derivaron na cesión dos vehículos.
Finalmente, a responsable socialista censurou a actitude do goberno galego que xera “desigualdades” entre municipios cando “é vital” que todos os concellos “poidan dispor de recursos suficientes para que, dentro da súa autonomía municipal, poidan destinalos a cubrir as necesidades máis prioritarias da súa veciñanza”.