Noa Díaz reivindica a necesidade dunha canle con contidos infantís e xuvenís dentro da oferta da Televisión de Galicia para que a nenez e a mocidade “socialicen en galego”, xa que “é un dereito, non un capricho”
A responsable socialista lamenta que Galicia sexa a única comunidade con lingua propia que carece dunha canle continuada de programación para a nenez
O Parlamento de Galicia vén de aprobar a proposta conxunta de PSdeG e BNG para que a CRTVG impulse a canle ‘Xabarín’ de televisión infantil e xuvenil en galego. A proposición non de lei, que nace dunha iniciativa popular impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística, foi aprobada por unanimidade polo Pleno da Cámara.
Díaz defendeu que a nova canle sexa unha “oportunidade” de que a nosa infancia e mocidade “socialicen en galego”, o que supón “abrirlle todo un abano de posibilidades de goce e diversión na nosa lingua nun momento como o actual no que as pantallas se teñen convertido case nos novos xoguetes das e dos máis pequenos”.
“Con esta proposición que asumimos hoxe as nenas e nenos, e os non tan novos, terán a oportunidade de crecer no seu idioma”, reivindicou a responsable socialista cando, ademais, nos atopamos ás portas da conmemoración do Día das Letras Galegas.
A socialista lamentou que, na actualidade, “o número de series ou películas que poden verse no noso idioma é tan irrisorio que non dá nin para falar de porcentaxes” e, de feito, xa “quedou constancia da inexistencia do galego nas diversas plataformas audiovisuais que existen no Estado”, segundo un recente informe da Mesa pola Normalización Lingüística.
Nexte contexto, Díaz censurou que Galicia sexa a única comunidade con lingua propia que carece dunha canle continuada de programación para a nenez ao tempo que “en Cataluña dispoñen da canle Super3 e en Euskadi teñen Hiru3”. A deputada sinalou ademais que “o goberno vasco e catalán chegaron a acordos coas operadoras Movistar+ e Vodafone TV para que emitan os seus contidos, asegurando así que na ampla oferta destas plataformas audiovisuais tamén se integran os seus idiomas”.
“Galicia non pode quedar atrás”, incidiu Díaz, quen resaltou que as familias queren ter “o mesmo dereito que noutros lugares”, xa que isto “é un dereito, non un capricho” e o mero feito dunha canle con contidos infanto-xuvenís en galego sería “un paso importantísimo para manter o galego vivo e loitar contra a, cada vez maior, desafección da xente nova pola nosa lingua”.
Así, a responsable socialista destacou que “a promoción da nosa lingua en todos os ámbitos e espazos é unha obriga estatutaria do goberno galego”. De feito, subliñou que “é abundante a literatura normativa que recolle a importancia estratéxica do sector audiovisual para a normalización das linguas” e que “garante o dereito da cidadanía de recibir contidos nun contexto de pluralismo cultural e lingüístico”.
Por último, Díaz lembrou que a proposta hoxe aprobada ten o respaldo dunha iniciativa popular presentada pola Mesa pola Normalización Lingüística “que recolle o sentir de moitas persoas” cando se recolleron máis de 33.000 sinaturas en toda Galicia.
“Recuperemos ese sentir de toda unha xeración que a comezos dos anos 90 enganchou cun Xabarín e canturreaba en galego, que sentaba a mirar a Chin Chan en galego. Fagámolo como hoxe, en positivo, entendendo a normalización da nosa lingua como o natural, como a obriga que ten a política de asegurar espazos de socialización e garantir a supervivencia da nosa maior riqueza entre a xente máis nova”, concluíu.