A portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, vén de presentar unha serie de iniciativas parlamentarias para reclamarlle á Consellería de Política Social que explique as medidas que teñen tomado diante do gromo de covid na residencia de maiores de DomusVi en Chantada.
O Grupo Socialista reclámalle á Xunta un informe sobre os acontecementos derivados do último gromo detectado nesta residencia de Chantada, “especificando o protocolo e tipo de illamento para os usuarios de dito centro”. Considera “fundamental coñecer o estado dos residentes e o tipo de medidas de illamento que se están a tomar para evitar a propagación do virus”.
A responsable socialista alerta deste novo gromo na residencia de Chantada, cun balance de 11 positivos, segundo os medios de comunicación, e alerta de que “o feito de non executar unha evacuación de todos os positivos no intre en que se coñecen, fai que as medidas restritivas repercutan no detrimento do benestar do resto dos usuarios do centro”.
O protocolo das consellerías de Sanidade e Política Social determina que “tentarase evitar o illamento nas habitacións”, agás para os residentes que sexan contactos estreitos dos positivos, que pasarán unha segunda PCR aos 10 días do último contacto. No caso de ser negativo “poderán interactuar cos residentes sen infección do seu grupo de convivencia estable”.
Este protocolo, explica Ortega, obriga ademais á separación da residencia con zonas comúns para persoas libres de infección e outras diferentes para persoas infectadas, nas que poderán moverse libremente”. Chama á Consellería a “supervisar exhaustivamente se os usuarios e usuarias en dito centro están a vivir un illamento que contradiga a normativa, e de ser o caso tomar as medidas oportunas”.
Servizo de Axuda no Fogar
A responsable socialista presentou tamén unha iniciativa sobre o despido de dúas auxiliares no Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Chantada, que conta coa subrogación de 29 auxiliares deste servizo “para dar cobertura a un servizo que forma parte do catálogo de servizos da Lei de Dependencia”. Considera “urxente investir neste tipo de recursos” que forman parte dun servizo “fundamental para garantir o desenvolvemento das actividades básicas da vida diaria”.
Ortega reclámalle ao goberno galego que explique as medidas que ten posto en marcha diante desta situación, e pregunta ademais se estas dúas auxiliares expulsadas por parte da empresa adxudicataria do servizo “forman parte do total de 29 auxiliares de axuda a domicilio a subrogar polos pliegos de contratación para o SAF de Chantada”.