A Comisión de Cultura do Parlamento aprobou hoxe unha proposición non de Lei presentada polo Grupo Socialista para pedirlle á Xunta que colabore co Concello de Ribeira para realizar unha investigación histórica do peirao da Covasa, en Aguiño, e na súa posterior rehabilitación e posta en valor. A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, presentou esta iniciativa para recuperar un importante patrimonio agora en risco.
Díaz pediu un estudo rigoroso para clarificar as orixes deste ben, “que podería ser un dos peiraos máis antigos de Galicia”, así como un estudo xurídico – técnico da súa situación. Explicou que as teorías apuntan a unha orixe fenicia ou ben unha “máis razoable”, que apunta á construción entre finais do século XVIII e mediados do XIX para unha industria catalá da conserva, que explicarían os restos dunha zona de prensado de salazón e unha muralla “de Ferrer”.
A parlamentaria socialista levou hoxe ao Parlamento de Galicia esta demanda, xa subscrita por unanimidade da Corporación Municipal, tamén a iniciativa do Grupo socialista local, co obxectivo de “recuperar o que para eles é un símbolo cultural que ampliaría o coñecemento sobre as actividades e prácticas portuarias de hai séculos”.
Sinalou que o estudo encargado polo Concello para a súa rehabilitación resulta “incompleto”, xa que omite parte do espigón lateral, e ademais rexistrou diversas alegacións que de momento teñen paralizada a obra. Reclamou por iso que tódalas administracións implicadas colaboren para “evitar un maior deterioro do peirao”, actualmente nun grave estado debido aos golpes do mar e a entrada da marea.
Noa Díaz concluíu que “unha vez que se investigue, e sempre en función do seu valor histórico e etnolóxico, hai que poñela en valor para que pase a ser unha xoia máis do noso patrimonio cultural e histórico”. Explicou que o complexo “debe de estar a disposición da cidadanía, e sen dúbida será un elemento máis que axude á promoción turística sustentable da comarca do Barbanza”.
Texto da iniciativa aprobada hoxe:
-“O Parlamento de Galicia insta ao Goberno galego a que colabore co Concello de Ribeira na investigación histórica do peirao da Covasa (Aguiño, Ribeira) e na súa posterior rehabilitación e posta en valor”.