A parlamentaria socialista Noa Díaz vén de presentar na Comisión de Economía do Parlamento unha proposición non de Lei para reclamarlle á Xunta que actualice a aportación da Xunta á Capitalidade de Santiago de Compostela, que foi rexeitada polo PP. Díaz lembrou que a partida aportada pola Xunta leva conxelada moitos anos en 2,3 millóns de euros e reclamou o seu incremento como mínimo ata os 5,5 millóns estimados pola USC.
A deputada compostelá sinalou que “dubido que o grupo municipal do PP, e sinaladamente o seu portavoz e tamén deputado Borja Verea poidan explicarlle á cidadanía compostelá que o PP non quere ampliar a partida orzamentaria que lle corresponde a Santiago por ser capital. Díaz reclamaba que a contía se actualizara en base a un proceso de diálogo e negociación e de acordo a un informe técnico independente previo.
Lembrou que, hai xa quince anos, o informe “Custes de capitalidade”, centrado no caso de Compostela, os docentes da Universidade de Santiago Luis Caramés e María Cadaval estimaban o custe das cargas extraordinarias da capitalidade en pouco máis de 5,5 millóns de euros, que son soportados polas arcas municipais da cidade. Advertiu de que “non falamos xa de retroactividade, o que nos situaría nunha débeda histórica de máis de 25 millóns de euros”.
Sen embargo, e a pesares das continuas demandas dos diversos gobernos do Concello de Santiago, a Xunta leva sete anos mantendo a partida conxelada nos 2,3 millóns de euros sen ningún tipo de base ou informe que xustifique a contía. Lembra que a asignación económica depende da vontade política da Xunta, en base ao Estatuto de Capitalidade aprobado en 2002, o que derivou na “negativa continua no tempo a darlle á cidade a cantidade que lle corresponde”.
A partida foi incluída por primeira vez nos Orzamentos da Xunta no ano 2004, que foi de 1,5 millóns de euros nun ano Xacobeo, e o máximo foi acadado en 2019, co Goberno bipartito, e no Xacobeo 2010, con 3,18 millóns, pero a partir de aí foi aminorada e manteuse practicamente inalterada ata hoxe.
Díaz explicou que estas partidas están pensadas para asumir o custe adicional da capital, tanto como sede das institucións e os servizos adicionais que implican, en cuestións como o custe en termos de IBI da reserva de espazo físico para as institucións do Goberno, as exencións impositivas, o transporte, a seguridade, a potenciación e o uso do idioma galego, o turismo ou a limpeza, entre outros.