A parlamentaria socialista Leticia Gallego presenta hoxe en Vilaboa unha iniciativa parlamentaria para reclamarlle á Xunta un proxecto de recuperación do miradoiro do Parque Natural de Cotorredondo e o entorno do lago Castiñeiras. A responsable socialista visitou o Concello, onde mantivo un encontro co alcalde, César Poza, para confirmar o “total abandono” do enclave por parte do goberno galego.
Gallego insta á Xunta a “rectificar o seu veto” ás emendas presentadas polos socialistas galegos no debate dos Orzamentos deste ano para incorporar precisamente a recuperación do entorno no parque natural. Sinala agora a unha actuación urxente para acondicionar os accesos, mellorar a instalación dos valados e a posta en valor do Parque Natural “para convertelo nun lugar turístico e referente en educación ambiental”.
Explicou que o parque conta con 70 hectáreas de superficie repoboadas con diversas especies e constitúe unha importante área de refuxio e reprodución de especies de animais salvaxes, o que non anima ao goberno galego a recuperar o enclave, cando o goberno autonómico conta coa súa propiedade. Actualmente, explica, os convenios de cesión de uso coas comunidades de montes de Vilaboa e Santa Cristina teñen caducado “por falla de cumprimento dos compromisos da Xunta”.
A situación actual é de “total abandono”, con valados estragados, sinalización inexistente e un miradoiro en situación ruinosa, polo que lle esixe á Xunta “a recuperación desta zona para que volva ser unha referencia turística e medioambiental”.