O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, reclamoulle hoxe á Xunta “máis persoal, por favor” para reforzar os equipos de vacinación contra a covid. Torrado presentou unha pregunta en Comisión na que esixiu que “deixen de empregar a vacinación como ferramenta para atacar ao goberno de España e contraten máis persoal de enfermaría e para a xestión dos datos”.
Advertiu que a día de hoxe “non existe persoal suficiente” para atender con eficacia o proceso de vacinación sen desatender a Atención Primaria. Lembrou que Galicia recibiu 7.000 millóns de euros para gastos extraordinarios derivados da covid en 2020 e 2021, polo que “contratar máis persoal non constitúe un gasto real”.
O responsable socialista fixo estas afirmacións a raíz dunha iniciativa para reclamarlle á Xunta que actualice os datos das persoas aseguradas nas mutuas privadas, que pola súa lentitude están ser vacinados “ao final dos seus grupos, e algúns deles de últimos”. Sinalou que o 20 de abril as mutuas seguían sen ter constancia de que os usuarios foran vacinados, malia que xa enviaran ao goberno galego tódolos datos para que os incorporaran ao proceso.
Advertiu que lles está a suceder o mesmo que pasou nos cribados, dos que excluían aos asegurados polas mutuas simplemente porque non estaban nas bases de datos do Sergas, e amosou a súa sorpresa por que “continúen existindo estes problemas logo de 5 meses de vacinación”. Advertiu de que o proceso “a cabalo e autotropezándose” xera inseguridade na cidadanía, que “ten a sensación de que non os van chamar e non saben que facer”.
Criticou que o goberno galego comezara por acusar ás mutuas de non facilitarlles os datos, algo que elas mesmas desmentiron, e agora negan a realidade do problema ao mesmo tempo de que evitan publicar os datos desagregados, facendo que “sexa imposible comprobalo”. Lamentou que o Executivo estea máis preocupado de “decidir quen vai ter a culpa do problema de hoxe” que de xestionar con eficacia.