A portavoz de Emprego do Grupo Socialista, Carmen Rodríguez Dacosta, anunciou unha ofensiva parlamentaria para reclamar a mediación da Xunta no conflito colectivo do sector da limpeza da provincia de A Coruña. Rodríguez urxe ao goberno autonómico a desbloquear as negociacións do convenio provincial entre patronal e sindicatos, que teñen provocado a convocatoria dunha folga os días 11 e 12 de maio.
O Grupo Socialista manterá esta mesma semana un encontro cos representantes sindicais do sector na limpeza para levar ao Parlamento as demandas dun “convenio digno que avogue por non estender a precariedade laboral a un maior número de traballadores e traballadoras”. Insta á Xunta a asumir “o papel de mediador na negociación” para garantir as condicións de traballo das traballadoras e traballadores de limpeza de edificios e locais da provincia de A Coruña.
Rodríguez explica que a xornada de folga, convocada en toda a provincia, afecta a 10.000 traballadoras e traballadores, entre os que se contan nesta ocasión entre 350 e 400 do persoal de limpeza de Xunta, Parlamento, Valedora ou USC, e en futuras mobilizacións podería estenderse ao Sergas.
Ao respecto, advirte do risco de que o bloqueo da negociación poida derivar nunha crise sanitaria, por canto a desinfección dos centros públicos constitúe unha labor esencial que garante a seguridade dos usuarios e usuarias.
O Grupo Socialista defende “tódalas cláusulas dos convenios que loiten contra a precariedade laboral que están a sufrir as mulleres de Galicia”, e que neste caso afecta a un sector “feminizado e altamente precario”. Advirte de que a patronal quere impoñer unha conxelación salarial para 2020, a suba do 0,8 por cento en 2021 e a perda de dereitos laborais.
Os sindicatos teñen cualificado esta postura de “tomadura de pelo”, por canto incorpora ademais a eliminación de dereitos establecidos no anterior convenio, como o caso da xubilación parcial”, precisamente cando o traballo de limpeza e desinfección medrou a raíz da emerxencia sanitaria, “incrementándose a carga de traballo e por conseguinte os ingresos das empresas do sector”.
Dacosta lamentou que esta sexa a resposta da patronal a un persoal que foi declarado como esencial durante a pandemia, desempregando puntualmente un traballo fundamental na desinfección mentres o resto da poboación permanecía confinada.