Os socialistas galegos instan ao Estado a defender “o patrimonio, o futuro e o emprego” da empresa propietaria da planta de aluminio da Coruña
Santiago, 4 de maio de 2021. O PSdeG require que o Estado, tras coñecer a decisión da xustiza de decretar a intervención xudicial de Alu Ibérica, traballe para garantir “o patrimonio, o futuro e o emprego” da planta de aluminio desta empresa na cidade da Coruña.
En canto a esta medida, o PSdeG considera “importante e positiva” unha decisión que frea “calquera posibilidade de descapitalización” nestes momentos por parte dos responsables da empresa. En concreto, non se poderán facer pagos de máis de 20.000 euros sen autorización do interventor xudicial ou da maxistrada.
“Ante as sospeitas sobre actuacións cuestionables por parte do inversor, cómpre que a intervención xudicial sirva para que se manteña o patrimonio da empresa e para que se posibiliten garantías de futuro para a planta”, sinala o Partido Socialista de Galicia.
“É unha boa noticia”, conclúen os socialistas de Galicia, que subliñan que esta decisión xudicial abre a porta a garantir a viabilidade da empresa e, con iso, a actividade industrial e o mantemento dos postos de traballo na cidade herculina.