Martín Seco pide á Xunta “que deixe de intentar confundir á cidadanía e aos empregados” e “que utilice as súas competencias” en materia de industria para “facer o labor de interlocución coa empresa”
Critica que mentres o cadro de persoal de Repsol “precisa solucións”, o goberno galego “tenta sacarse do medio falando da administración que tramita os ERTE e sen asumir as súas propias competencias”
O voceiro de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de censurar a inacción da Xunta ante o ERTE de Repsol Coruña. Fíxoo, hoxe, a través da presentación dunha pregunta na Comisión de Industria do Parlamento.
Seco, traballador en excedencia da planta Repsol Coruña, lamentou a posición do PP con respecto á empresa logo de votar en contra dunha iniciativa no Parlamento para amosar a solidariedade dos grupos aos traballadores da empresa afectados polo ERTE na refinería e “instar á Xunta a promover de inmediato cantas accións resulten necesarias para lograr que Repsol renuncie á aplicación do ERTE”.
Isto supón, subliñou, que o PP “foi incapaz de comprometerse cos traballadores na busca de solucións” cando a cidade da Coruña “necesita certezas sobre o futuro dunha planta industrial que deixa moitos postos de traballo na comarca”, que supoñen “máis de 600 traballos de xeito directo e 850 das auxiliares”.
Neste senso, Seco pediu á Xunta “que deixe de intentar confundir á cidadanía e aos empregados de Repsol” e máis cando a situación recibe a “mirada esquiva” do presidente da Xunta.
Así, Seco criticou que mentres o cadro de persoal de Repsol “precisa solucións”, o goberno galego “tenta sacarse do medio falando da administración que tramita os ERTE e sen asumir as súas propias competencias”, exemplo de isto é que levasen a contestar á comisión á Directora Xeral de Relacións Laborais, en vez de ao responsable de Industria.
Con todo, Seco instou ao goberno galego a que “utilice as súas competencias” en materia de industria “para facer o labor de interlocución coa empresa” para “convencela de non aplicar un ERTE inxusto e innecesario”. Así, lembrou que o expediente “que afecta na Coruña a 212 traballadores” chega cando “esta semana asistimos á noticia de que Repsol lograba, no primeiro trimestre deste ano, un resultado neto positivo de 648 millóns de euros”.
Neste marco, Seco enxalzou a actitude dos traballadores e traballadoras que “sempre actuaron con responsabilidade” e “estiveron á altura da situación” nos momentos duros da pandemia. Así, subliñou que estes “puxeron en risco a súa saúde e a das súas familias para non parar a produción de combustibles” e que chegasen así os subminístroos aos fogares de toda a cidadanía.
Por último, o responsable socialista incidiu en que “a Xunta non pode seguir de costas ao terrible proceso de desindustrialización que afecta á Galicia. “Unha Xunta que non ten un plan de futuro para o sector na nosa terra”, sentenciou.
FONDOS EUROPEOS NEXT GENERATION
Noutro orde de cousas, Seco incidiu na oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para “a consecución dun modelo enerxético máis sostible”, mediante o cal haxa “un impulso á transición, que debe ser xusta e impulsora de comarcas cunha dependencia do sector petroquímico e outras enerxías de orixe fósil”.
Neste eido, pediu ao goberno galego que utilice a participación daquelas empresas que queran optar aos fondos europeos a que “o fagan mantendo a súa responsabilidade social corporativa” coa sociedade galega para evitar situacións como a que están a vivir os traballadores de Repsol Coruña.