O secretario xeral do PSdeG participa tamén en Vigo na homenaxe a dirixentes socialistas e uxetistas fusilados no 36: “Deron a súa vida para loitar pola democracia, pola liberdade e pola xustiza social dos traballadores”
O secretario xeral das e dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, participou hoxe na mobilización central de Galicia do 1 de maio que se celebrou en Vigo para reivindicar os dereitos dos traballadores e traballadoras, xunto aos secretarios xerais galegos de UXT e CCOO.
“Estamos nun ano moi complexo pola crise da covid e temos que reclamar e defender os dereitos dos traballadores e traballadoras, así como a necesidade de xerar emprego para evitar saír desta crise cun nivel de exclusión e de ruptura social que non podemos admitir”, reivindicou o máximo dirixente do PSdeG.
Nesta liña, o líder das e dos socialistas galegos incidiu en que “as mulleres saen das crises máis rezagadas que os homes; os mozos e mozas non albiscan un futuro para o seu porvir; e moitos traballadores, desempregados, autónomos e pemes non chegan a fin de mes”.
Por todo isto, subliñou, “é máis necesario ca nunca defender os dereitos dos traballadores e da clase obreira para saír desta crise cun país máis igualitario e no que ninguén quede atrás”. Así, sinalou, “hai que respaldar ás forzas sindicais” e “temos que traballar para conseguir pechar as cicatrices sociais” que se están producindo.
Ao fío disto, o líder das e dos socialistas galegos enxalzou o “goberno de progreso de España” que “aplica políticas en defensa da igualdade para facer un escudo de protección social”. Malia todo, pediu “seguir avanzando” cando “somos conscientes de que a sociedade está vivindo un momento de crise como non recordabamos”.
CONMEMORACIÓN A SOCIALISTAS E UXETISTAS FUSILADOS
Antes da manifestación, o líder das e dos socialistas galegos acudiu ao acto de homenaxe que realizan anualmente os socialistas de Vigo xunto a UXT Vigo no cemiterio de Pereiró, onde recoñeceu “o traballo feito por tantos socialistas e uxetistas ao longo da historia defendendo as liberdades, a xustiza social e os dereitos dos traballadores”.
“O futuro hai que afrontalo recoñecendo o traballo feito ao longo da historia, xa que sen recoñecer a memoria democrática non acertaremos no futuro”, sentenciou o líder do PSdeG. Por iso, subliñou, “nun momento no que a extrema dereita pon en risco tantos avances, é máis importante ca nunca recoñecer e homenaxear o compromiso daqueles que deron a súa vida por defender a democracia, a liberdade e a xustiza social”.
Nesta liña, Gonzalo Caballero enxalzou o papel de figuras como Heraclio Botana ou Emilio Martínez Garrido, “ambos os dous fusilados polo alzamento golpista do ditador en 1936”. E tamén lembrou o papel doutros históricos dirixentes que perderon a vida, como os Bilbatúa ou Antela Conde, e tantos outros “defensores da República e dos dereitos dos traballadores nunha cidade obreira”.
“Como líder do PSdeG é un honor participar nun acto entrañable dunha significación especial para todos os e as socialistas”, destacou Gonzalo Caballero logo de recoñecer “a memoria democrática” e “pór en valor a todos os socialistas e uxetistas que loitaron polos traballadores, pola liberdade, pola democracia e que, en moitos casos, deixaron a súa vida neste proceso”.
No acto do cemiterio de Pereiró participaron tamén o alcalde de Vigo, Abel Caballero, a presidenta da Deputación Carmela Silva, e os secretarios xerais socialistas provincial e local, David Regades e Abel Losada, entre outros.