O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, criticou hoxe o veto do PP á moción do PSdeG pedindo diálogo e consenso co goberno central para acordar unha rectificación sobre as partes inconstitucionais da modificación da Lei de Saúde. A norma está actualmente pendente do ditame do Tribunal Constitucional por regular dereitos fundamentais máis alá das competencias do goberno galego.
O responsable socialista acusou ao PP e ao goberno galego de buscar a “confrontación” ao presentar a reforma da Lei nunha estratexia de “guerra permanente” que resulta “cansina e inútil”, demostrando que “non son leais nin por casualidade”. Así o demostra, explicou, que eles mesmos aplaudiran o ditame do Consello de Estado que precisamente recomendaba presentar o recurso de inconstitucionalidade fronte a unha norma “delirante, cun ton absolutista nalgúns puntos”.
Reclamoulles “negociar co Estado” para revisar os artigos que non teñen encaixe legal, e instoulles a “deixar de falar nos medios, sentarse, rectificar e traer ao Parlamento” un novo texto que resolva os problemas plantexados pola pandemia. Lamentou a estratexia do goberno galego de confrontar “por todo”, e puxo como exemplo a súa posición sistematicamente en contra da xestión do Estado de Alarma polo Estado.
Lembrou que “estiveron en contra de que as vacinas chegaran por Portugal, criticaron en falso que non chegaran aos grupos diana cando si que chegaban, critican a vacinación dos mariñeiros que é competencia do goberno galego, e aplauden cando Feijóo ofrece datos manipulados, cambiando á cidadanía que ten dúas doses coa que ten unha soa”.
Torrado sinalou que logo de 13 meses Galicia carece dun Regulamento que fixe un réxime sancionador, seguen sen resolver as competencias dos concellos, renuncia a organizar a Consellería de Sanidade e a constituír unha Axencia de Investigación Sanitaria nin permiten un mínimo investimento sanitario.
Proposta
O Grupo Socialista presentou hoxe unha moción para reclamarlle á Xunta un paso mais na modificación da Lei de Saúde para adecuala á legalidade constitucional, rectificando as “partes do texto susceptibles de presentar problemas de encaixe dentro do marco legal existente”. Empraza á Xunta a remitirlle ao Parlamento “os acordos de rectificación da modificación da Lei de Saúde de Galicia” que adopten para “encaixar no marco legal do Estado” e tramitalos na Cámara.
Torrado chamou aos grupos parlamentarios a traballar co “maior diálogo e consenso posible” sobre a rectificación da modificación da Lei de Saúde e “desenvolver unha proposta normativa que aumente as capacidades e posibilidades do sistema sanitario para afrontar a pandemia e posibles novos problemas de saúde pública”.
Ademais, esta modificación debera “clarificar e competencias e responsabilidades dos distintos niveis da Administración para axilizar e facilitar o control das medidas que se implanten para o control de problemas da saúde pública”.
A propsota socialista emprazaba ao goberno galego a “manter a lealdade institucional con todos os niveis da administración para así “garantir o mellor control posible da pandemia” e, subliña, “apoiando as decisións que se tomen no marco do Consello Interterritorial e por parte das autoridades sanitarias”.