O líder do PSdeG reclama ao PP e á Xunta que rematen co “xogo indecente” de buscar “tensión” co goberno de España a conta das vacinas e urxe reforzar a sanidade pública para “non descapitalizar” a atención primaria durante a vacinación
Cualifica de “atentado contra o respecto e a normalidade democrática” o intento do PP de expulsar a Villarino do Concello de Ourense para “tapar a indignidade do pacto letal de Jácome e Baltar”: “esiximos a Feijóo que rectifique”
O portavoz do Grupo Parlamentario Socialista, Gonzalo Caballero, esixiulle hoxe ao presidente da Xunta que rectifique nos seus “tics autoritarios” que demostrou ao reformar a lei de saúde “atentando contra dereitos fundamentais” e que deixe de actuar á marxe das súas competencias “tentando converter nun pasaporte de mobilidade o certificado de vacinación”.
Chamou así ao presidente da Xunta a centrarse en garantir unha desescalada “gradual e progresiva”, evitando “patinazos” como o da lei de saúde e “fregados” coma o certificado de vacinación.
En fronte, Gonzalo Caballero reclamou o “fortalecemento” da sanidade pública para que a atención primaria sexa compatible cunha vacinación “eficiente e eficaz” que, ademais, “vén para quedarse”.
Ao fío disto, lamentou que o goberno galego, “en vez de cooperar no subministro de vacinas”, está centrado en “poñer paus nas rodas”, e lembrou neste sentido as críticas sobre a suposta discriminación nas vacinas cando o reparto priorizaba aos profesionais sanitarios. Neste punto, sinalou que agora “está calado” cando Galicia é das autonomías que máis doses recibe porcentualmente, porque a prioridade é vacinar aos maiores, o que permitiu que “un de cada catro galegos e galegas teñan polo menos unha dose”.
Logo de responsabilizar ao goberno galego de provocar un “xogo indecente” e “perverso” de “tensión” co goberno de España “que non favorece a ninguén”, o líder socialista chamou ao goberno galego a centrarse en cumprir coa vacinación con eficacia, xa que aínda quedan maiores de 80 anos sen vacinar “cando Asturias xa administrou a vacina a todos os desa franxa de idade” ou cando os mutualistas están a quedar rezagados no proceso.
Ademais, Gonzalo Caballero reclamou o reforzo do sistema sanitario para que o proceso de vacinación poida continuar “sen descapitalizar a sanidade pública”, de xeito que demandou máis profesionais para que a atención primaria non se resinta do elevado número de profesionais destinados á campaña de inmunización.
Finalmente, en resposta a preguntas dos xornalistas, o responsable socialista respaldou ao alcalde de Vigo “e a todos os alcaldes e alcaldesas de Galicia” que están a ver como a mesma Xunta que recibiu máis de 1.100 millóns de euros extraordinarios por mor da crise do coronavirus, ao mesmo tempo “recurta os fondos dos concellos” e cárgaos con máis competencias.
OURENSE
En paralelo, o secretario xeral do PSdeG trasladou hoxe o respaldo da organización ao portavoz socialista en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, logo da súa decisión de botarse a un lado e renunciar á alcaldía para permitir que o PP asinara unha moción de censura coa que relevar a Jácome da alcaldía.
Tras sinalar que esta manobra conta “co respaldo do PP de Galicia”, Gonzalo Caballero reclamou a Feijóo que “rectifique” o “tic antidemocrático” de reclamar ao candidato socialista, quen foi o máis votado nas eleccións municipais, que abandone tamén a corporación local. “Non o podemos consentir”, sentenciou.
De feito, o dirixente socialista acusou ao PP de tratar ás institucións “coma se foran da súa propiedade” coa petición explícita de dimisión do candidato socialista “ao igual que Vox intenta expulsar ás forzas democráticas dos debates en Madrid”.
Ademais dun “atentado contra o respecto e a normalidade democrática”, explicou, esta nova petición agocha “escusas para tapar o erro e a indignidade” de facer a Jácome alcalde a cambio da presidencia da Deputación a pesares de que DO foi a terceira forza política.
Lembrou que foi o PP quen colocou a Jácome na alcaldía, e “poden mantelo se queren”, pero “o que non poden dicir é que queren quitalo e ao mesmo tempo poñer condicións antidemocráticas” cando, dixo, “teñen que escoller entre o caos ou defender os intereses da cidade”.
“É gravísimo”, subliñou o responsable do PSdeG, que censurou que “Baltar cre que Ourense é da súa propiedade, e Feijóo bendice a Baltar intentando expulsar a Rafael Rodríguez Villarino” e encumbrando así a un Jácome que “vaise papar ao PP de Ourense” nas vindeiras eleccións locais.