A parlamentaria socialista Marina Ortega vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para denunciar a supresión de 21 camas hospitalarias no Hospital de Ourense en plena pandemia. A responsable socialista esíxelle á Xunta que paralice a supresión e “manteñan ou, en todo caso, aumenten os recursos humanos e materiais no Chuou”.
Ortega leva ao Parlamento o malestar da cidadanía e o propio sector sanitario, que está a iniciar mobilizacións de protesta e que, “logo de vivir en primeira persoa o seu peor ano, non comprenden como é posible que o goberno da Xunta de Galicia tome este tipo de decisións en contra da sanidade pública galega”.
A parlamentaria socialista alerta de que “nin sequera a pandemia e a situación límite na que está a sanidade pública teñan feito que o goberno galego rectificara na súa política de recortes de persoal e recursos”, logo de suprimir en torno a 500 camas nunha década en todo o sistema sanitario galego, tal e como figura no Catálogo Nacional de Hospitais do Ministerio de Sanidade.
Desta volta veñen de suprimir 11 camas en Traumatoloxía e 10 de Cirurxía Xeral no Hospital de Ourense, ademais de suprimir outras 8 camas que son destinadas ao módulo de prisión, moi demandado polas forzas e corpos de seguridade, pero que neste caso resólvese coa supresión de prazas xerais que non son repostas.